Imprimir

Mércores, 1 de xullo de 2020.- Servizo Galego de Saúde

O Diario Oficial de Galicia, na súa edición de onte, publicou a relación de aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de enfermeiro, grupo auxiliar da función administrativa e celador (quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral) e se inicia o prazo para a elección de destino.

É o primeiro proceso convocado polo Servizo Galego de Saúde no que se aplicará a elección telemática de destino a través de Fides/expedient-e. O número de aspirantes convocados é de 1.399, dos cales 830 corresponden á categoría de enfermería, 360 á de celador e 209 á de auxiliar administrativo. Esta nova modalidade simplificará e axilizará o procedemento de elección e evitará o desprazamento dos aspirantes á sede do órgano convocante
     
Esta elección realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme as bases de procedemento publicadas no Diario Oficial de Galicia do pasado 5 de xuño. A aplicación informática fará visibles, a partir de hoxe, todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información á persoa aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino, segundo a quenda de participación e puntuación acadada nel.

A selección efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.

O aspirante con este novo procedemento disporá das mesmas opcións que no acto presencial. Así, a aplicación permitirá a renuncia á participación na elección de destino e mesmo a selección dun número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso.

Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.

Este novo procedemento supón un avance no dereito da cidadanía de relacionarse electronicamente coas administracións públicas incorporando a última fase dos procesos de selección fixa convocados polo Sergas, -a elección de destino dos aspirantes seleccionados -, á súa tramitación a través do sistema de información Fides, que se suma así ás fases de inscrición e baremación de méritos que xa se realizan electronicamente, o que redundará nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos.
A elección telemática evitará, ademais, o desprazamento dos aspirantes seleccionados á sede do órgano convocante, circunstancia que resulta de especial relevancia no contexto sanitario actual derivado da pandemia covid-19, que aconsella minimizar, evitando na medida do posible, os actos presenciais que concentren un importante número de persoas, á vez que asegura a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios permitindo que os profesionais convocados á elección de destino poidan continuar co desenvolvemento ordinario da súa prestación laboral, sen necesidade de ter que proceder á substitución de tales profesionais, como acontecía coa modalidade presencial.
Está previsto que proximamente se publique, no Diario Oficial de Galicia, a resolución pola que se abra o prazo para a elección de destinos dos aspirantes da categoría de celador, seleccionados neste mesmo proceso, pola quenda de discapacidade intelectual, que contemplará as adaptacións pertinentes tendentes a facilitar a súa realización.
 
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200630/AnuncioG0003-220620-0003_gl.html
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200630/AnuncioG0003-220620-0002_gl.html
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200630/AnuncioG0003-220620-0001_gl.html