Pilar González Iglesias é enfermeira no Centro de Saúde de Quins, no Concello de Melón. En plena tempada alta de vacinación antigripal, repasamos con ela a importancia da vacinación, os falsos mitos que hai respecto dela e as estratexias para evitar o contaxio.

Opina que á gripe “non se lle dá a importancia que ten” malia que en ocasións pode ser causa de morte. E recorda que Ourense, ano tras ano, acada as mellores taxas de vacinación das catro provincias galegas.

 

Pasamos o ecuador da campaña de vacinación antigripal, que remata o 29 de decembro. Está a ser mellor que outros anos?

Mais ou menos igual que o ano pasado. Esta campaña arrancou un pouco máis lenta, parece que a poboación este ano tardou un pouco máis en animarse, cousa que os profesionais achacamos ao bo clima, xa que ao principio da campaña, que empezou o 23 de outubro, non choveu e incluso houbo días con elevadas temperaturas para a época, polo que a xente esperou e foi acudindo a vacinarse pouco a pouco. A día de hoxe os datos van sendo similares aos rexistrados en 2016.

Cal é o papel da enfermería nesta campaña de vacinación?

O traballo da enfermeira, en especial en Atención Primaria, é un dos eixos fundamentais da campaña de vacinación antigripal, pois non só nos ocupamos do traballo loxístico que nos corresponde dentro da campaña: solicitude de doses e recepción das mesmas, mantemento da cadea de frío para a correcta conservación das vacinas e administración ao paciente coa técnica correcta. Tamén temos a obriga, e non é menos importante, de facer difusión da campaña, ofertando a vacinación a todos os nosos pacientes que entren nalgún dos grupos de risco. Informamos dos beneficios da vacina, rompemos falsos mitos sobre a mesma e despexamos todas as dúbidas que ten a poboación de referencia que nos toca coidar.

Que falsos mitos existen?

Un moi estendido é que a vacina pode provocar unha gripe e iso é totalmente imposible, pois está feita con fraccións de virus inactivados que non poden provocar a enfermidade, aínda que, nalgúns casos, si que pode dar algún efecto secundario, como dor no lugar da inxección ou incluso un pouco de febre e malestar. Outra cousa que lles explicamos aos pacientes é que a vacina antigripal non evita os catarros, pois algunhas persoas pensan que como tiveron catarro malia estar vacinados, a vacina non foi eficaz.

Existe traballo de concienciación con pacientes e tamén con profesionais?

Respecto aos pacientes, hai traballo de concienciación na consulta por parte das enfermeiras de referencia, dos médicos de familia e outros profesionais sanitarios e tamén da propia Consellería de Sanidade, coa difusión de carteis e publicidade da campaña de vacinación a través de todos os medios de comunicación. De cara aos profesionais, tamén se envían dende a Delegación de Sanidade cartas personalizadas de concienciación e solicitude de colaboración coa campaña de vacinación antigripal, ademais de organizar charlas e sesións clínicas.

Pilar gripe foto2Quen se debe vacinar?

A campaña de vacinación antigripal está dirixida a todas as persoas maiores de 60 anos (en especial maiores de 65), persoal sanitario, persoas con risco de complicacións das súas patoloxías previas no caso de ter unha gripe, coidadores formais e informais de outras persoas con saúde fráxil e tamén, por suposto, traballadores de residencias xeriátricas. Outros colectivos son persoas con traballos esenciais para a comunidade e, moi importante, traballadores de granxas avícolas e/ou porcinas ou que estean en contacto con aves.

Chégase a toda esa poboación?

No total de Galicia, en 2016 vacináronse un 55,24% dos maiores de 65 anos, porcentaxe que sube ata un 62% se temos en conta só ás persoas maiores de 75 anos. Na provincia de Ourense, segundo os datos oficiais do ano pasado, vacináronse un 59,87% dos maiores de 65 anos. En números absolutos, e, para que nos fagamos unha idea, o ano pasado vacináronse en toda Galicia un total de 365.341 persoas de máis de 65 anos e, este ano, levamos, ata finais de novembro 331.068 maiores de 65 anos vacinados. Respecto da vacinación de persoal sanitario, seguimos estando por debaixo do aconsellable.

Por que o persoal sanitario ten preguiza coa vacinación?

Eu non podo falar polo resto dos profesionais e si que hai un número importante de traballadores dos centros sanitarios que se vacinan. Pero aínda non se acadan as cifras ideais.

É un bo resultado de vacinación o de Ourense?

Ano tras ano, somos a provincia de acada mellores datos en canto a número de vacinados. E eu penso que é porque temos un índice elevado de poboación envellecida, o que implica tamén que hai un maior número de coidadores para esas persoas. Somos conscientes de que a vacina antigripal é un recurso máis para protexer a saúde dos nosos maiores.

Cre que se lle dá á gripe a importancia que ten?

Penso que non, pois aínda que nas persoas sas e novas acostuma ser unha enfermidade case sempre banal, no caso das persoas maiores, que teñen o sistema inmunitario debilitado ou enfermidades previas con risco de descompensación por gripe, pode chegar a ser un grave risco para a saúde. Mesmo, nalgúns casos, a gripe chega a ser causa de morte.

Hai xa casos de gripe? Espérase unha epidemia complicada?

Segundo os últimos datos da consellería de Sanidad, a intensidade da actividade gripal ata o momento está no nivel que chamamos actividade basal, que se corresponde co nivel máis baixo de casos de gripe contabilizados. O número de ingresados por gripe ata o momento é de 25 en toda Galicia, dos cales 14 tiñan indicación de recibir vacina antigripal. Destas 14 persoas, o 79 % non recibiran a vacina antigripal e unha de elas precisou ingreso na U.C.I.

Cando se prevé o pico de gripe?

O pico de gripe é moi difícil de predicir, pois pode variar por varias causas: posibilidade de mutación dos virus circulantes, climatoloxía… aínda que acostuma ir asociado ao frío, épocas en que son máis frecuentes as reunións en espazos cerrados, como o Nadal....

Pódese facer algo para evitar o contaxio?

A vacinación é o método máis efectivo para evitar o contaxio pero, ademais, unha vez que unha persoa ten a gripe, o que debe evitar para contaxiar a outros é estar en espazos cerrados con máis persoas. Tamén é moi importante empregar panos desbotábeis e, sobre todo, lavar as mans con moita frecuencia .As persoas sas tamén e conveniente que laven as mans con frecuencia, pois poden tocar superficies onde estea depositado o virus e levalo á boca ou ao nariz sen darse conta.

Colegiación On-Line

Presentación de la documentación para la colegiación

Consultas

Realiza tus consultas de forma más rápida a través de la web

Trabajo

Consulta las ofertas de trabajo que llegan a nuestra oficina en un solo clic

Formación

Comprueba qué cursos están disponibles con su información completa