'Os pacientes da Unidade do Sono presentan moi alta adherencia ó tratamento, o cal nos enche de orgullo porque temos moi bos resultados a pesar do noso retraso na atención'

Conoce a tu enfermer@ Visto: 977

 

foto geni web

A enfermeira Geni Rodríguez Fernández, no despacho da Unidade do Sono do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

 

Ourense, 30 de novembro de 2022.- Segundo datos recentes da Organización Mundial da Saúde (OMS) os trastornos do sono teñen aumentado considerablemente, tanto entre as persoas adultas como entre nenos e xente moza. De feito, a OMS calcula que preto do 50% da poboación mundial adulta e o 24% da poboación infantil non teñen un sono de calidade.

Na nosa provincia, a pesar de contar xa con máis de dúas décadas de vida, a Unidade do Sono do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense aínda é unha desas áreas descoñecidas para grande parte da poboación. Foi en febreiro de 1997 cando esta unidade, dependente do Servizo de Neumoloxía, comezaba a súa actividade para o control dos trastornos respiratorios do sono.

Neste mes de novembro, na sección ‘Conoce a tu enfermer@’ da nosa web, entrevistamos a Geni Rodríguez Fernández, unha enfermeira limiá que comparte con nós o labor da Unidade do Sono do CHUO (onde traballa dende 2006) e o seu testemuño sobre o tema que ultimamente acapara titulares e tertulias: o incremento dos trastornos do sono debido á pandemia da Covid.

 

As últimas estatísticas móstrannos o incremento dos trastornos de sono en España: Cal ten sido o impacto da pandemia neste sentido? É certo que existe a ‘corosomnia’ o ‘covidsomnia’? En que consiste?

Está claro que dende a pandemia aumentou o número de persoas que dormen peor. Dende un principio a pandemia alterou o noso sono e non pouco. Para empezar, da noite para a mañá metéronnos a todos na casa, os nenos quedaron sen escola, sen actividades, sen parque; os adultos coa incerteza de que ía pasar cos seus postos de traballo, e os avós que tiveron que deixar de ver ós seus netos polo medo que todos tiñamos a contaxialos… Como para non alterar o sono!

Os cambios de hábitos ou de circunstancias ligadas á pandemia como o illamento social, a perda de traballo, corentenas, falta de exercicio, aumento do número de horas de uso das tecnoloxías... todo iso ten provocado que haxa máis xente con insomnio.

Na nosa unidade o que vemos é un incremento de pacientes con apneas obstrutivas do sono debido, en moitos casos, ó aumento de peso que a falta de exercicio ocasionou. Por outro lado, tamén notamos que agora chegan máis interconsultas; supoño que polo aumento de patoloxía e tamén porque agora xa poden acceder ó médico de Primaria para que os remita. Durante meses foi como se a patoloxía deixase de existir, pero o que pasou é que a xente non acudía ó médico ou tiña medo de vir ó hospital facer a proba.

A época pospandemia serviunos para poñer un pouco ó día a lista de espera, debido á baixa demanda, pero agora xa volve ser considerable. Actualmente tamén chegan pacientes remitidos pola Unidade Multidisciplinar Post-Covid que empezaron con trastornos do sono como secuela do Covid.

Cales son os trastornos do sono máis comúns e a que están asociados?

O trastorno máis común na nosa Unidade loxicamente, ó ser unha Unidade de trastornos respiratorios de sono, son as apneas obstrutivas do sono. A inmensa maioría están relacionadas con sobrepeso e tabaco. Clinicamente, os pacientes refiren que se levantan máis cansos do que se deitan e que polo día lles dá o sono con moita facilidade, incluso ó conducir, o cal, dependendo da profesión, é un risco… Imaxina un conductor profesional con sono ó volante! De aí que estas peticións que chegan á nosa Unidade sexan preferentes entre as preferentes.

Tamén temos pacientes con estudos claros de AOS (apnea obstrutiva do sono) que veñen porque a parella lle di que ronca e fai apneas, pero que eles non notan clínica e neste caso ós pacientes cóstalles máis adaptarse ó tratamento, xa que non lle é cómodo durmir coa máquina e non aprecian melloría. Pero nos casos dos que teñen clínica e se adaptan a durmir coa VMNI (ventilación mecánica non invasiva), o que nos contan é que lles cambia a calidade de vida cen por cen, pois xa non se acordaban do que era descansar. Porque un sono non reparador implica levantarse canso, con cefalea matinal, irritabilidade, diminución da memoria, falta de concentración, baixo rendemento no traballo ou estudos…

Como funciona a unidade? Derívanse a outras áreas…?

Como xa dixen, a nosa é unha unidade de trastornos respiratorios do sono, onde hai un neumólogo a tempo parcial (cada vez menos no Sono e máis na planta) e tres enfermeiras, unha a tempo completo e dúas a tempo parcial. Ao non ser unha unidade multidisciplinar, hai patoloxías que se derivan a Vigo.

Como inflúen os trastornos de sono no desarrollo doutras patoloxías? 

As apneas do sono por suposto que inflúen noutras patoloxías. Hai un maior risco de infartos de miocardio, ictus, HTA (hipertensión arterial) mal controlada, depresión… Así mesmo pódese incrementar o risco de sufrir accidentes laborais ou de tráfico debido á falta dun sono reparador.

Que labor tedes as enfermeiras da Unidade de Sono?

Tras recibir a interconsulta de Primaria ou doutras especialidades (cardio, otorrino, neuroloxía, psiquiatría, medicina interna...) facemos unha consulta telefónica ó paciente para facer unha valoración dos trastornos do sono. Segundo esta valoración decídese o tipo de proba e prioridade de realización tendo sempre o neumólogo de apoio para posibles dúbidas que poidan surxir. Nesta consulta explícamoslle en que consiste a proba.

O segundo contacto co paciente é cando vén pola noite a facer o estudo, ben poligrafia respiratoria (van durmir a casa) ou polisomnografia respiratoria (dormen no hospital). Unha vez descargados os estudos de poligrafía faise unha corrección e interpretación dos datos aportados polo aparato e se lle pasan ó neumólogo, que é quen fai o diagnóstico e pauta o tratamento se é preciso.

Se o paciente é diagnosticado de AOS e lle prescribe VMNI facemos unha segunda consulta telefónica de enfermería informando sobre o resultado do estudo e necesidade de durmir con CPAP (Presión positiva continua na vía aérea) e se lle cita para consulta dos tecnicos de VitalAire, os que lle explican e proban a CPAP.

O seguinte contacto que temos é para o seguemento, faise telefónico por parte de enfermería e debería ser ó cabo de un ou dous meses. Nesta terceira consulta intentamos solucionar problemas se os hai e deixamos pendientes de facer proba de control (oximetría ou autocpap).

O cuarto contacto chega cando veñen a buscar o aparato para o control e podemos valorar de novo como van. Ademais de primeiras consultas e revisións, tamén programamos e descargamos os aparatos e se fai a lectura e interpretación de polígrafos.

Polas noites o labor resúmese na realización dos estudos, poligrafías ambulatorias, ou ingresados, así como as PSG convencionais ou PSG de titulación (aqueles pacientes se diagnosticados de AOS pero que non van ben coa presión que teñen na VMNI). [PSG = *Polisomnografía]

Botades en falta recursos/apoio?

Pois a verdade é que nos gustaría dispoñer de máis tempo para os pacientes para poder facer as probas máis axiña, darlle pronto tratamento se necesitan, e logo facer un seguemento en mellores condicións. É certo que nos tardamos en chegar a eles, pero unha vez que están co tratamento poden contactar ca Unidade do Sono así como co servicio técnico e intentamos solucionar ou derivar ó neumólogo se é o caso.

Tamén boto de menos unha Unidade Multidisciplinar que puidese dar coas solucións a todos os problemas derivados do sono, pero intentamos facer o máximo posible cos recursos dos que dispoñemos.

Como se pode deixar atrás o insomnio? Que consellos daría?

Non durmir pasa factura. Se este insomnio é secundario a unha patoloxía habería que tratala (apnea do sono, pernas inquietas, hipertiroidismo...). Se é un insomnio primario podemos adoptar unhas normas de hixiene do sono que consiste en aplicar o sentido común. É dicir, manter horarios regulares (que no lo digan ós traballadores por quendas horarias…), non tomar café nin bebidas estimulantes ó final da tarde, non fumar, non realizar exercicio vigoroso á última hora do día, non facer cenas moi copiosas e coidado co alcol, porque aínda que fai que se durma pronto, altera o sono profundo, o que fai que se esperte polo medio da noite. É importante coidar o entorno da habitación, coa orde e temperatura adecuadas e utilizala para durmir, nada de televisión ou de móbil. Non deberíamos estar conectados á tecnoloxía ata última hora.

Como teñen mudado os tratamentos e terapias nos últimos anos?

Deste tema seguro que nos podían informar mellor os nosos compañeiros da empresa de terapias respiratorias, pero eu coido que as máquinas de ventilación mecánica VMNI son máis confortables, menos ruidosas e con máis modelos de interfases, o que facilita adaptala mellor a cada paciente.

Na nosa área sanitaria temos arredor de 3500 pacientes con CPAP, dos cales un 87% presentan unha boa adherencia ó tratamento, o cal nos enche de orgullo porque temos moi bos resultados a pesar do noso retraso na atención.

 

Imprimir