"A probabilidade de localizar un doante de médula compatible e que a doazón chegue a facerse é moi baixa. Por iso precisamos moita xente disposta a doar. É un proceso seguro e indoloro para a persoa doante"

 foto new benita

A enfermeira Benita Salgado Cotilla, diante da unidade móbil de ADOS (Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue), onde traballa na actualidade | Fonte: COE Ourense.

 

 

Ourense, 28 de decembro de 2022.- Nas últimas semanas o chamamento para doar médula viuse intensificado polo caso de Luka, un bebé ourensán que precisa dun transplante urxente que lle permita curarse da osteopetrose que padece, unha enfermidade xenética que lle produce deformacións óseas. Dita demanda súmase á xa existente e ten sensibilizado a moita xente facendo que medre o interese por saber como funciona o proceso de doazón de médula ósea. Este chamamento súmase ao de doazóns de sangue, o que se viu reforzado nas últimas semanas por mor das baixas reservas, especialmente no grupo A-.

A resposta da poboación ante esta urxencia adoita ser moi boa, segundo se manifesta dende os bancos de doazón, pero aínda existe moito descoñecemento sobre como se pode doar médula, en que casos se necesita este tipo de doazóns e en que consiste dito proceso. Por iso, para solventar todas estas dúbidas, a enfermeira ourensá Benita Salgado Cotilla quixo compartir o seu testemuño e experiencia con nós a través desta entrevista.

Tras unha ampla experiencia en Urxencias, Benita formou parte do proxecto vencellado á Unidade de Innovación do CHUO e posteriormente traballou no ESCAH (Equipo de Seguemento Compartido de Atención Hospitalaria - Atención Primaria) coidando ós pacientes Covid positivo illados no seu domicilio. A día de hoxe e dende hai algo máis dun ano desenvolve o seu labor en ADOS (Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue). A pesar da súa ampla traxectoria profesional, Benita asegura que “ser enfermeira en ADOS é moi diferente do resto de postos de traballo que tiven, xa que aquí traballamos con xente sana”.

 

Hai moito descoñecemento con relación á doazón de médula, pero quen pode donar médula ósea? A onde se debe dirixir alguén que queira doala?

Poderá doar calquera persoa entre 18 e 40 anos, con boa saúde e que non padecese enfermidades graves ou transmisibles. Hai determinadas doenzas que a contraindican como poden ser as enfermidades cardíacas, hepáticas, autoinmunes, infectocontaxiosas ou neoplásicas.

Para facerse doante pode dirixirse a calquer local de doazón ou unidade móbil onde se lle dará información e se valorará cada caso.

 

Como é o proceso de doazón de médula ósea?

É un proceso sinxelo, pero é moi importante informarse sobre o que implica anotarse como doante de médula ósea. Pódese atopar información na páxina de ADOS (www.ados.gal), na web da Organización Nacional de Transplantes (www.ont.es) e na da Fundación Josep Carreras (www.fcarreras.org), e, por suposto, preguntando ó persoal de ADOS.

Concertará unha cita a través do teléfono 900 100 828 para o seu centro de referencia e alí firmará o consentimento informado e o documento de inscrición no rexistro (precisa sinatura dunha testemuña). Tamén realizaremos a extracción dunha mostra de sangue para realizar as probas de histocompatibilidade.

Con isto queda incluído en REDMO (Rexistro Español de Doantes de Médula Ósea), o que tamén funciona a nivel internacional se non se atopa doante compatible en España. A probabilidade de localizar un doante compatible e que a doazón chegue a facerse é moi baixa (1 de cada 2500-3000 doantes); que un familiar sexa compatible ten menos dun 5% de posibilidades (entre irmáns é dun 25%) e por iso é tan importante que haxa moitos doantes.

Se se da o caso de compatibilidade cun paciente, o doante será citado no seu centro de referencia para unha nova extracción de sangue, para confirmar a compatibilidade e facer unha analítica máis extensa. En calquera momento do proceso o doante pode rexeitar seguir adiante.

Unha vez confirmado o doante, segundo a patoloxía do receptor, a doazón pode ser a través de:

  • Sangue periférico mediante citaférese: un separador celular recolle os proxenitores hematopoiéticos e devolve o resto do sangue ó corpo pola vea do outro brazo (uns días antes é preciso inxectar un medicamento subcutáneo que aumenta o número de células nai no sangue circulante). É o máis habitual.
  • Médula ósea: realízase no quirófano, con anestesia, para puncionar o óso da cadeira (crestas ilíacas posteriores) e poder extraer o sangue medular que é o que contén os proxenitores hematopoiéticos.

Ambos procedementos son moi seguros e indoloros para o doador, agás algunhas molestias temporais. As células rexeneran totalmente nunhas semanas.

 

Notastes incremento no número de doazóns ultimamente? Ou de persoas que vos preguntasen como facelo?

Si, ultimamente aumentaron as doazóns. Cada vez que se fai un chamamento público, cando hai unha necesidade ‘con nome e apelidos’ fai que os doantes respondan con creces; a xente é moi solidaria, o cal é unha grande satisfacción.

Deste ano aínda non hai datos, pero no 2021 en Galicia as doazóns totais de sangue foron 106.287 (39 doazóns/1000hab/ano). A nosa comunidade autónoma ocupa o terceiro posto do ranking nacional e un 9% do total foron novos doantes.

En Galicia hai 13.700 doantes de médula ósea inscritos en REDMO; no ano 2021 rexistráronse 890 novos doantes. Ó longo do ano 2021 en Galicia efectuáronse 9 doazóns efectivas.

Neste ano é de esperar que aumenten as doazóns, xa que descenderan por mor da pandemia.

 

En que tipo de situacións pode precisar alguén un transplante de médula?

Hai moitos casos que precisan transplante de médula, a maioría son cancros como a leucemia, mieloma múltiple ou linfoma. Tamén todas aquelas enfermidades graves do sangue como inmunodeficiencias, talasemia, anemia aplásica ou anemia falciforme, entre outras.

Cales son as principais necesidades do banco de doazóns na actualidade?  

Xeralmente, no relativo ás doazóns de sangue, os grupos máis demandados son O-, O+ e A. Tamén dispoñemos de información actualizada de como están as reservas na páxina web de ADOS.

O meu desexo para o 2023 é que non se perda ningunha vida por non haber unha doazón.

 

Como é o día a día dunha enfermeira no voso servizo?

No noso día a día habitual facemos acollida do doante, pasamos un pequeno filtro de preguntas e realizamos unha hemoglobina capilar. Acto seguido o médico faille unha entrevista máis completa e a toma de constantes vitais. Se todo está ben, pasa á sala de doazón onde verificamos datos e que a ficha de doante esté firmada. Preparamos os tubos para analítica e as bolsas para recolección etiquetándoas corrrectamente e asignándolle un codebar a cada doante. Procedemos á extracción de sangue e ó seu correcto almacenamento.

Unha vez finalizado o procedemento, recordamos os consellos posdoazón e despedimos ó doante con un refrixerio e un simbólico agradecemento.

O día a día en ADOS é moi dinámico, xa que nos desprazamos na unidade móbil por toda a provincia para chegar a todos os doantes. Tamén rotamos polo punto fixo, onde ademais de doazóns de sangue se fan as aféreses (recolle de forma selectiva un ou máis compoñentes do sangue e restitúe o resto de compoñentes ó doante).

 

Onde vos podemos atopar ás enfermeiras ADOS?

A día de hoxe a unidade móbil de ADOS ten como ubicación provisional a parte de diante da entrada principal do Complexo Hospitalario de Ourense, xa que está pendente a apertura do punto fixo na praza de Paz Nóvoa.

Na páxina de ADOS pódense consultar os desprazamentos da unidade móbil semanalmente. No punto fixo atendemos de luns a venres (horario de inverno: luns e venres de tarde e o resto da semana de mañá; de xuño a setembro, ambos incluídos, sempre de mañá). Non é preciso solicitar cita previa.

Só me queda dar as grazas a tódolos doantes pola súa colaboración altruista; sen eles non sería posible. Doar é salvar vidas!

 

 


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.