"O noso labor enfermeiro no rural intenta aportar valor engadido á visita, xa que tratamos de instruír en coidados e educación sanitaria a familiares e coidadores dos doentes"

 Foto Navor WEB

O enfermeiro Navor Pereira, membro do ESAD que atende a doentes inmobilizados no rural ourensán | Fonte: Comunicación CHUO.

 

Ourense, 24 de febreiro de 2023. Hai escasos dous meses, antes do Nadal, poñíanse en marcha sete equipos de enfermería ESAD (Equipo Soporte Atención Domiciliaria) para atender nos seus domicilios a persoas inmobilizadas residentes no rural ourensán. O enfermeiro Navor Pereira Losada é un dos profesionais que traballa nun destes equipos, concretamente no que cobre a área de Celanova.

Tralo seu paso por Atención Primaria e innumerables servizos, Navor é un dos catorce profesionais da enfermería deste ‘equipo de equipos’ que dan soporte aos centros de saúde do rural atendendo arredor de 2.200 doentes inmobilizados na provincia de Ourense.

Para facer balance do arranque deste novo servizo, explicarnos como funciona e cales son as súas impresións dende primeira liña, Navor Pereira é o protagonista da nosa entrevista do mes de febreiro da sección ‘Conoce a tu enfermer@’.

 

En liñas xerais, como é o funcionamento deste equipo?

O equipo está composto de dúas persoas; no meu caso vou tres mañás e dúas tardes, alternando coa miña compañeira. O día a día, na fase na que estamos, pasa por programar visitas, ir a ver ós pacientes ó seu fogar, onde se realiza unha entrevista cunha valoración enfermeira por patróns funcionais de Marjory Gordon e a aplicación de varias escalas de valoración, dependendo de cada caso (dependencia, depresión, pé diabético...) e unha toma de constantes vitais. De volta ó centro, trasladamos os datos recollidos á historia clínica do paciente e, se detectamos algunha nova necesidade, pómonos en contacto co equipo de atención primaria (EAP) ou coa traballadora social.

 

E o teu día a día como enfermeiro?

Ó chegar, revisión de historias, chamadas de teléfono ós centros de saúde para comunicar algunha visita previa, ir á visita domiciliaria, realización do rexistro, citación e programación de axenda. A actividade ten lixeiros cambios, dependendo de se iniciamos actividade nun novo centro, intentamos pasarnos físicamente para falar con EAP.

 

Como valorades o arranque de actividade dos equipos de enfermería no rural?

Como todo o novo, os comezos son de incertidume: que e como facer as cousas, a quen dirixirnos, a loxística, revisión de historias, presentacións ós compañeir@s, sesións clínicas informativas... Pouco a pouco ir moldeando o novo proxecto, con ánimos de compañeir@s na maior parte dos casos, e nalgún momento reticencias… Como todo o novo que xorde, esperta opinións. A acollida por parte dos pacientes, familias a coidadores tralas visitas, está sendo boa, xa que se intenta aportar valor engadido á visita, non soamente a parte máis analítica, senón tamén tratar de instruír en coidados e educación sanitaria ós membros que se encargan do coidado.

 

Está a ser doada a coordinación entre equipos de traballo de enfermeiras? Como é a distribución de áreas?

Os diferentes ESAD coñecémonos polas formacións previas, reunións, grupos, etc., e sempre nos servimos de apoio duns a outros. Temos apoio case continuo da dirección de Atención Primaria e Pacientes Crónicos, que sobre todo ó principio tiveron traballo extra. Os equipos somos fixos, a excepción dun cambio por mellora de contrato (vacante) ou baixa.

 

E co resto de profesionais? Como é a coordinación cos médicos de atención primaria e traballadores sociais? Hai algún outro profesional sanitario implicado?

Normalmente falamos por teléfono ou presencialmente, os EAP coñecen os seus cupos de memoria, axúdanos continuamente, van máis aló do meramentes sanitario, coñecen cada caso igual que a traballadora social da nosa área. Ademais, cando hai algunha nova necesidade, citamos o paciente na axenda do profesional que corresponda.

Os implicados son enfermeiro/a e médico/a de atención primaria, ademais de traballador/a social.

 

Cales son os maiores retos que vos atopades no traballo diario? Botades en falta algún recurso/axuda ou considerades que traballades en circunstancias axeitadas?

Aínda que parezca unha tontería, atopar os domicilios non é doado, os pobos cada vez se atopan máis baleiros, as numeracións non están actualizadas, as direccións en IANUS son moi xenéricas… En canto a recursos, foron chegando pouco a pouco, dispomos de vehículo, unha tablet para consulta de historia clínica, móbil, maletín con material básico de toma de constantes e material de técnicas por se fora preciso nalgún domicilio. O maior déficit pode ser que nalgún centro, en ocasións, é difícil dispor de ordenador; no caso do CS de Celanova non é así.

 

Atendedes a 2.200 persoas en toda a provincia, tedes bastante volume de traballo… Hai algunha previsión de que medren estos equipos?

Os equipos naceron por medio dun programa financiado con axudas europeas, polo que entendo que a curto prazo non, imaxino que se esgoatarán ós 12 meses e farán unha valoración do programa.

 

Cal vai sendo a resposta das persoas que atendedes? Como está a ser a acollida?

Imaxino que coma bos galegos, desconfiados ó principio, pero cando empezas a falar con elas/eles van contándoche cousas de carácter máis persoal, intentas axudar a que os coidados melloren se é preciso, dar consellos ou contestar dúbidas, ver que se preocupan por el@s. Tamén se aprecia a soidade que ten moita xente, ás veces, sen coñecerte, agradecen que os escoites e te sentes con el@s, algo tan sinxelo e tan necesario.

O que estamos vendo, aínda que xa é algo máis que percibido por todos os profesionais sanitarios, é que a saúde mental das persoas quedou máis afectada coa pandemia, influindo directamente na saúde física: trastornos de conducta, depresión, ansiedade, medos convertidos a fobias… Oxalá tivesemos máis formación neste campo.

 

 

 


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.