Ourense, 6 de novembro de 2025. “A enfermaría ten que estar en tódalas esferas sociais e culturais da súa contorna, sempre de xeito democrático”. Con esta idea, Isidoro Rodríguez, enfermeiro, docente e presidente da Academia de Enfermería de Galicia desde 2024, resume o espírito do seu mandato. Dende a súa práctica no Centro de Saúde de Fingoi e como profesor na Escola Universitaria de Enfermería de Lugo (USC), Rodríguez defende a investigación, a innovación tecnolóxica e o compromiso coa profesión como un servizo á persoa, á comunidade e ás institucións.
Unha visión que orienta o seu traballo á hora de consolidar a Academia como referente académico e disciplinar da enfermaría en Galicia, e unha filosofía de base que se esconde baixo a súa práctica clínica e docente: “A enfermeira debe ser ante todo persoa, debe saber coidarse a si mesma (un profesional que non se coida mal pode coidar de outros); ter coñecementos (cantos máis mellor); saber escoitar dun xeito activo; coñecer ao seu usuario (enfermo ou san); saber empatizar e saber ocupar o lugar que lle corresponde na relación coidador-coidado”.
Fálanos tamén dos retos que afronta a profesión, do respaldo que nace dos Colexios Profesionais de Enfermería e da labor que asume a Academia de Enfermería dentro da innovación académica e a disciplina enfermeira.
Que significa presidir a Academia de Enfermería de Galicia e que retos ten por diante durante este mandato?
Supón unha gran responsabilidade, pois leva consigo dirixir a construción, sobre os alicerces deseñados en 2012, unha edificación sólida que responda as necesidades actuais da disciplina enfermeira. O modelos son as Reais Academias centenarias no Estado español, e seguindo as súas traxectorias, dotar a nosa Academia dunha funcionalidade adaptada as necesidades da Enfermaría nestes tempos, no que a profesión se move a unha velocidade tan grande que precisa seguramente máis que nunca afianzar os conceptos disciplinares para non saírnos da orbita co perigo de quedar perdidos na inmensidade do coñecemento.
Os retos deste mandato son deixar afianzada a edificación o seu funcionamento conciliando as diversidades actuais e que representen a toda a enfermaría nas súas variantes e especialidades, de forma que non sexa tendenciosa, e non atenda a unhas necesidades personalistas ou dun determinado grupo.
Actualmente estamos executando as distintas seccións da academia e asentando socialmente o coñecemento do que é unha Academia de enfermaría. Temos que ter moi presente que na enfermaría no Estado español a traxectoria universitaria é pequena e a disciplinar vaille a par, no 1979 comezan os estudos como diplomatura, no 2010 os estudos de grao; a Academia comeza a xestarse no 2012 e recoñeceuse a súa oficialidade no 2013. En comparanza coas outras Academias de longa tradición como a Real Academia de la Lengua (RAE 1714), no caso de Galicia a Real Academia Galega (RAG) 1905, isto é o que nos leva a dicir que 12 anos despois estamos a dar os primeiros pasos a vez que creamos a cultura tanto académica como de disciplina.
Afirmou que ser académico supón un triplo servizo (comunidade, individuo, institución). Que implica ese enfoque na práctica?
Efectivamente ser académico supón un servicio á persoa como individuo, ao que atendemos e nos debemos, que precisa coidados de saúde no máis amplo sentido da palabra (tanto coidando del cando está san, como abordando os procesos de enfermidade ou morte); o profesional da enfermaría está presente dende o nacemento ate o pasamento da persoa, coidándoa a nivel individual. Respecto á esfera da comunidade por que as persoas non están soas somos entes sociais, que precisamos desa socialización para gozar de saúde, podemos afirmar que non enferma o individuo senón que enferma a comunidade na que desenvolve a súa traxectoria persoal, a familia, os amigos o grupo que rodea a cada individuo, por tanto falamos dun servizo á comunidade. No referente a terceira parte a que atinxe á Institución o académico comprometese a deixar a unha beira as individualidades, para realizar un traballo en prol da disciplina enfermeira que transcenda os dous niveis anteriores; a investigación e os análises tranquilos e sosegados dos elementos disciplinares sendo este o seu obxectivo, os particularismos e amiguiños teñen que quedar a un lado, todo debe ser co obxectivo de mellorar e acadar unha disciplina enfermaría forte, que ocupe o lugar que lle corresponde ao lado doutras disciplinas, a disciplina elaborase a “lume lento”.
Os inicios da disciplina danse a mediados de 1800 co Promulgación da Lei de Instrución Pública (lei Moyano) no Reino Unido coa posta en marcha da Primeira Escola de Enfermeiras de Florence Nigthingale, herdeira de Teodor e Friederike Fliedner da o gran avance como disciplina nos Estados Unidos de América a principio da década dos 50, despois da II Guerra Mundial.
A Academia non é un parladoiro ou un club para de falar do propio, do alleo ou do puntual, que tamén, ten que ir máis alá; hai que realizar unha análise dende a cosmovisión, dun xeito holístico, de toda a profesión no seu conxunto e diversidade. Ten que ser o máis alto referente da disciplina enfermeira a nivel intelectual, que colabore con outras institucións que teñen responsabilidades, laborais (empresas e sindicatos) de formación de profesionais (universidades), de organización e ordenación doa profesión (colexios profesionais) ou de lexislar a profesións (os diferentes entes políticos).
Como están a impulsar a investigación e a innovación desde a Academia para fortalecer a profesión enfermeira?
Tratamos de cumprir esta labor, de xeito interno co funcionamento das diferentes seccións, actualmente están constituídas a de historia e a de docencia e investigación detrás iran outras: Enfermaría medico-cirúrxica, obstétrico-xinecolóxica, familiar e comunitaria, saúde mental, ciencias básicas da enfermaría, enfermaría pediátrica, enfermaría xeriátrica, enfermaría do traballo. Estas diferentes seccións teñen a finalidade de realizar a investigación e planear as innovacións oportunas, cada unha no seu campo específico. Tamén se realizan actividades de difusión diversas, dende parladoiros ate conferencias sobre temas concretos que organiza a propia institución, son a man de obra, por dicilo así da Academia.
Externamente non faltan as colaboracións con outras institucións coas que se realizan acordos, colexios profesionais, fundacións. Neste momentos hai acordos neste senso coa Organización colexial a nivel nacional, en Galicia co Colexio de Enfermaría de Ourense, Lugo e A Coruña, coa Fundación para el Desarrollo de la Enfermería (FUDEN), coa ANDE, coa Fundación VACAN, entre outras
Que impacto teñen as actividades académicas (como congresos, formación, publicacións) no recoñecemento da enfermería diante a sociedade e as institucións?
Ate o momento a Academia, conta con poucos eventos propios (eventos de ingreso de académicos, actos de divulgación da Academia). O que si se fai e dar pulos a outras institucións e organizacións que os organizan actos, poñendo os medios académicos e intelectuais a súa disposición.
Para citar un exemplo a elaboración da exposición sobre Elvira López Mourín e a publicación do libro que recolle a súa historia, esta exposición percorreu a maioría dos hospitais de Galicia, institutos e colexios de ensinanzas infantil e media, así como as Universidades e Escolas de Galicia. Nestes momentos hai solicitudes doutros lugares do Estado, que están pendentes de programar. A súa repercusión foi boa tanto a nivel profesional como popular e mesmo institucional. Colaborou dende a Xunta de Galicia, particularmente a Consellería de Sanidade ate a esfera militar. Foi un traballo intenso pero gratificante.
De que maneira a colexiación profesional actúa como garante de calidade, formación e defensa da profesión en Galicia?
Respecto á colexiación dicir que esta reviste gran importancia, por ser os Colexios Oficiais de Enfermaría os responsables e garantes do desenvolvemento e organización profesional. De eles depende a regulación profesional, as boas practicas éticas e deontolóxicas. Son tamén os responsables de controlar que non se produza instrusismo profesional.
Por outra banda, protexen aos profesionais cun seguro de responsabilidade civil, diante dunha demanda que se poida producir na praxe profesional; a este respecto é importante saber que o SERGAS, como empresa contratante ten un seguro, pero que cubre ao servicio, non ao profesional.
Por outra parte debe encargarse de garantir a calidade a través da formación e sen ser corporativista defender a profesión de agresións externas.
Paréceme importante o colexio como institución enfermeira que protexa e vele polos intereses de profesionais. Debe funcionar como unha institución que é, democrática, seguindo os seus estatutos e na que toda enfermeira profesional debe participar de forma activa.
Que sinerxías existen entre a Academia e os Colexios Oficiais de Enfermería, e como poden fortalecerse?
A Academia debe traballar dende o punto de vista disciplinar, no senso de que a enfermaría continúe a ser unha disciplina e non unha mera aplicación de técnicas. Isto fai que teña varios puntos de converxencias cos Colexios profesionais, a maioría deles referentes á formación continuada do persoal de enfermaría, non pisa en absoluto as competencias unha institución da outra ao contrario compleméntanse, por este motivo considero que debe de ir xuntas para facer máis forza e camiñar acompañados cara o mesmo obxectivo, unha enfermaría forte e que goce de saúde.
Que mensaxe lle transmitiría a unha enfermeira nova que se expón colexiarse e participar activamente na profesión?
A mensaxe vai implícita no planeamento da interrogante mesma que participe de forma activa dende coa organización colexial, non de xeito pasivo, coa súa voz o seu voto, as súas propostas e a súa dedicación. Pero, se se me permite, vou ir máis alá do colexio tamén a enfermeira debe participar a nivel sindical, para mellorar as condicións laborais do traballo, nas diferentes asociacións enfermeiras e como non, a nivel político, sen pretender eu ser partidista, a enfermaría ten que estar en tódalas esferas sociais e culturais da súa contorna, sempre de xeito democrático. Alí onde haxa unha enfermeira defenderá os intereses da enfermaría e dos coidados á saúde do cidadá nas súas diferentes esferas.
Que habilidades e competencias considera clave para que as enfermeiras do século XXI poidan liderar e innovar nos seus ámbitos
Vou a nomear o meu decálogo de un bo profesional, que eu trato de aplicar na praxe clínica e transmitir ao estudantado de enfermaría. A enfermeira debe ser ante todo persoa, o que supón algo máis que ser un individuo da raza humana, supón un traballo e unha evolución a nivel persoal; saber coidarse a si mesma (un profesional que non se coida mal pode coidar de outros); ter coñecementos (cantos máis mellor); saber escoitar dun xeito activo; coñecer ao seu usuario (enfermo ou san), a súa cultura, practicas relixiosas, hábitos, alimentación, costumes, ou outros datos, non tan so a súa patoloxía ou situación de saúde, so coñecéndoo poderemos axudarlle a ter saúde; saber empatizar que vai ligado á seguinte calidade; saber ocupar o lugar que lle corresponde na relación coidador-coidado; saber derivar a outros profesionais da nosa disciplina ou de outra.
Na Academia este decálogo reflíctese en catro verbas que forman parte do seu lema: SABEDORIA, AVANCE, LIDERADO, HUMANIDADE.
En resumo preguntarnos diante das diferentes situacións e circunstancias: como me gustaría que me tratasen a min ou ao meu pai?
Se as enfermeiras seguen este decálogo estará innovando e liderando, non so na súa profesión, se non na sociedade, evitando así o perigo de ser so técnicas e poder ser substituídas por robots.

