O COE de Ourense, AGEFEC e as coordinadoras de servizo de Atención Primaria de Ourense, unidos ante a implantación prematura do XIDE

Ourense, venres 6 de maio de 2022.- A xunta de Goberno do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense celebrou recentemente unha reunión coas coordinadoras de servizo de Atención Primaria da provincia de Ourense e con representantes de AGEFEC (Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria) para valorar o avance na instauración do XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo) na Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras.

Ao comezo da reunión fíxose unha introducción sobre o desenvolvemento do sistema de Xestión Integral da Demanda en Equipo na Atención Primaria e os problemas que suscita a súa implantación prematura. Como se lembrou, estaban previstas dúas fases piloto antes de proceder á introducción do XIDE nos centros de saúde: unha primeira para realizar a recollida de motivos de consulta e avaliar a concordancia entre os diferentes profesionais implicados, e unha segunda fase na que se valoraría a implantación axeitada dos protocolos e funcionamento do XIDE para cada profesional, pero finalmente non se levou a cabo, polo que non se pode asegurar a viabilidade da instauración do sistema no estadio actual.

Os profesionais de Enfermería presentes coincidiron en valorar este modelo de xestión da demanda de forma positiva para Atención Primaria, sempre e cando se continúe coas fases de pilotaxe fixadas orixinalmente. Tamén expresaron que a instauración do XIDE na etapa de desenvolvemento na que se atopa supón un perigo para pacientes e profesionais e rexeitan taxativamente a súa posta en funcionamento na área sanitaria ourensá ata que non se asegure:

  • A creación de protocolos específicos de actuación para a xestión da demanda enfermeira
  • A priorización axeitada dos motivos de consulta que poidan ser, nunha porcentaxe elevada, resoltos de maneira definitiva por parte das enfermeiras
  • O funcionamento habitual das consultas de Enfermería, que deben seguir facendo un seguimento axeitado do paciente crónico, actividades preventivas e comunitarias e demais tarefas da súa competencia
  • A dotación apropiada de persoal de Enfermería na Atención Primaria para ofrecer un coidado digno á poboación ourensá e galega

Antes de dar por rematada a reunión, os representantes do COE de Ourense, as coordinadoras de servizo dos centros de Atención Primaria e AGEFEC mostraron o seu absoluto compromiso pola enfermería ourensá e a súa intención de impedir que se poñan trabas á accesibilidade do paciente á sanidade pública. 

Do mesmo xeito, as organizacións profesionais e científicas representadas nesta reunión compartiron os puntos acordados na reunión coas organizacións colexiais de A Coruña, Lugo e Pontevedra e as distintas presidentas amosaron o seu pleno apoio. Tamén se trasladou desde o resto de provincias a intención de poñer en práctica accións similares en prol da Atención Primaria.

Para finalizar, o Colexio Oficial de Enfermería de Ourense quixo mostrar o seu apoio aos servizos susceptibles á implantación do XIDE na Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras.


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.