As presidentas dos colexios oficiais de enfermería de Galicia abordaron o desenvolvemento das especialidades da profesión nunha reunión cos máximos representantes do Sergas

Prensa Visto: 465

 

Santiago de Compostela, venres 17 de xuño de 2022.- Inés López Carral, Lourdes Bermello López, Ascensión Pérez Sampayo e Marisol Montenegro Alonso, presidentas dos colexios oficiais de Enfermería de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente, mantiveron este venres unha reunión con José Flores, xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Ana Comesaña, directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, e Alberto López, tamén do departamento de Recursos Humanos, para profundizar no desenvolvemento das especialidades de enfermería en Galicia. 

Todos os presentes coincidiron en que Galicia é pioneira na implantación das especialidades de Enfermería Familiar e Comunitaria, Pediátrica, Obstétrico-Xinecolóxica (matrona), de Saúde Mental, do Traballo e Xeriátrica -tanto a través da transformación de prazas xeneralistas como da convocatoria de oposición daquelas de nova creación-, tal como reflicten as cifras dos últimos anos: no ano 2019 había 540 enfermeiras especialistas no Sergas, chegando ata as 741 no 2021.

Unha das principais inquedanzas que as presidentas das organizacións colexiais de enfermería galegas trasladaron aos representantes do Sergas foi a necesidade da elaboración e posta en marcha dun marco competencial específico para cada unha das especialidades, e potenciar así o valor engadido que teñen as enfermeiras especialistas.


Reunion conselleria especialidades ourense colegios enfermeria

De esqueda a dereita, Marisol Montenegro (COE Pontevedra), Inés López (COE A Coruña), Jorge Aboal (Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas), José Flores (Xerencia do Sergas), Ana Comesaña (Dirección de Recursos Humanos do Sergas), Alberto López (Departamento de Recursos Humanos do Sergas), Ascensión Pérez Sampayo (COE Ourense) e Lourdes Bermello (COE Lugo), nun momento da reunión | FUENTE: COE Ourense


Co obxectivo de manter esta frutífera liña de traballo entre a administración e organizacións representadas, tanto o Sergas como os colexios profesionais expresaron a súa vontade de seguir traballando na implantación planificada e progresiva das especialidades e na correcta delimitación das funcións e competencias de cada unha delas para beneficio das propias profesionais, do sistema sanitario galego e, por suposto, dos pacientes. 

Antes de dar por rematada a reunión, os participantes acordaron a elaboración dun documento que recolla as competencias básicas, transversais e específicas das enfermeiras especialistas de cara á configuración dun plan de traballo e plans formativos para enriquecer a profesionalidade e capacidades das enfermeiras especialistas.

Preocupación pola falta de relevo xeneracional de docentes de Enfermería

Os representantes do Sergas e as presidentas dos COE de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra tamén coincidiron ao expresar a súa preocupación polo déficit de enfermeiras doutoras para cubrir todas as prazas de docentes nas escolas e facultades de Enfermería de Galicia.

Para tentar atopar unha solución a esta problemática, as organizacións colexiais comprometéronse a presentar un plan específico con unidades docentes para promover a realización de doutorados entre as nosas profesionais e continuar a ofrecer unha formación de calidade ás futuras enfermeiras.

Imprimir