"Moitas enfermeiras están pensando en deixar a profesión"

Prensa Visto: 96

Ascensión Perez Sampayo foto entrevista la region

Ourense, xoves 22 de setembro de 2022 (Recuperado de La Región: "Moitas enfermeiras están pensando en deixar a profesión").- A sobrecarga de traballo, os contratos precarios, a escasa valoración das súas especialidades e ser substituídas por persoal con menos formación nas residencias está obrigando a moitas enfermeiras a abandonar unha profesión que lles encanta. Ascensión Pérez Sampayo (Ferreira de Pantón, 1956) representa ás 1.234 mulleres e 195 homes que forman parte do Colexio de Enfermería de Ourense.

Que balance fan deste período pospandémico?

Hai que cambiar o modelo sanitario para estar á altura das respostas que os nosos usuarios necesitan. Na pandemia viuse que déficit de persoal sanitario tiñamos para dar unha prestación de calidade.

Consideran discriminatorio que ás enfermeiras non se lles recoñeza o nivel A1 na Administración?

Hai solución. O que xoga é o concepto económico. Tampouco cabe
que ás enfermeiras as obriguen a facer un Grado e logo non sexan recoñecidas como tal e queden nun A2. A normativa de Bolonia debe ser igual para todos os profesionais. Hai que eliminar esta discriminación e unificar a todos no mesmo rango.

Demandan ter máis especialidades?

Queremos a especialidade médicoquirúrxica. Están conseguindo que moitas enfermeiras se vaian fóra porque teñen mellores salarios e calidade de vida. Entendo que retornarán a España, pero cando o fagan estudarán outras opcións.

Téñense en conta as especialidades?

Hai enfermería comunitaria, pediátrica, obstétrico-xinecolóxica, laboral e do traballo… Pero pouco importa que se plasme nun documento ou que fagamos un decreto moi bonito, se logo non se traduce en que toda esta xente especializada se localice onde lle corresponde. Que importa que teñas unha enfermeira especializada en saúde mental, se logo fai tarefas xeneralistas.

Están desaproveitando a xente formada?

Contan con persoal con especialización, pero a decepción vén a continuación. Nas listas de contratación a xente con especialización debe ir ós puntos da especialidade que lle corresponda. Ese é o maior problema. No sei a razón deste machaque. É un sistema sanitario vello e hai que darlle unha volta. Parcheando e con tanto remendo segue rompendo o traxe igual.

Reclaman que se cree a especialidade médico-quirúrxica?

Estamos reclamando que se poñan en marcha todas, que as especialistas ocupen os postos que lle corresponden, que as listas de contratación saian con esa categoría xa, e que se tomen en serio a enfermería. A xente está toda a vida formándose, pero para que. Estase dando un servizo, pero non especializado. O que non sería normal é que un cardiólogo atendera en pediatría.

Na provincia de Ourense cantas enfermeiras traballan na especialidade que lles corresponde?

Moi poucas. O máis demandado é saúde mental, e mira como está. Hai moita xente que non traballa no seu servizo. A desculpa inicial é que estamos con pouco persoal, pero logo seguimos na mesma situación.

As enfermeiras que collen vacacións son substituídas? Non, cerrar servizos dá moi mala imaxe politicamente e intentan evitalo. Así que teñen os servizos abertos, pero non hai persoal. Se unha enfermeira ten que atender a seis pacientes e pasa a atender a vinte, correrá e fará o que poida, pero non pode dar un servizo de calidade. Iso cansa moito ó persoal sanitario e moitas están pensando en deixar unha profesión que lles encanta.

Cal é a ratio de habitantes por enfermeira en Ourense?

En España temos 6,5 por cada 1.000 habitantes; en Galicia, 5,17; e en Ourense, 4,65. Temos unha ratio máis baixa, cando a nosa poboación está moi envellecida e os servizos que precisa son moito máis personalizados.

Nas listas de contratación deste verán sobraban enfermeiras? Non sobraban. As enfermeiras están boicoteadas porque lles fan desprazarse dun lugar a outro e, se non o aceptan, as penalizan e pasan ó final da lista. Non é que habendo traballo non o queiran coller. Á xente hai que cuidala e estamos chegando a un nivel de estrés moi alto.

Son traballos dun día e a moitos quilómetros de distancia?

Son traballos de abusar e de non coidar ó persoal. Son contratos dun día, de horas. É unha previsión que non está ben programada. 

Nas residencias están substituíndo ás enfermeiras xeriatras por xente con FP?

Queren aparentar uns servizos que non son de calidade. Toda España tivo que aprender do que aconteceu nas residencias na pandemia. Os nosos maiores foron carne de canón . O que se viu é que non había servizos de calidade e non vale substituír ás enfermeiras por xente menos formada.

Propoñen que haxa unha enfermeira por cada centro educativo?

Si, é unha enfermeira para educar cara a unha sociedade sa. Xa o están aplicando en Madrid, Canarias, Aragón, La Rioja, Asturias e Murcia. E van a estudalo en Castilla León, Castilla-La Mancha, Navarra, Extremadura e Valencia. En Galicia seguen manténdose en que ese servizo xa o están ofrecendo os centros de saúde. Iremos á cola.

A xubilación de docentes está poñendo en perigo o relevo?

Si, non é atractivo ser docente porque non facilitan tempo para investigar, facer proxectos e publicalos.n

Imprimir