A Xunta amplía en dúas semanas a campaña de vacinación da gripe

​A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade tomou a decisión de prorrogar en dúas semanas a campaña de vacinación contra a gripe, que se estenderá até mediados do mes de xaneiro, concretamente ata o día 15.

 

Sala de prensa Sergas (30/12/2022)

O obxectivo desta medida é posibilitar que se poidan vacinar todas aquelas persoas que aínda non o fixeron até o de agora, pertenzan ou non, aos grupos de poboación cuxa vacinación contra a gripe está indicada. 

No que vai de campaña, o 76,54% da poboación galega con 65 ou máis anos xa se vacinou, superando en máis de catro puntos a porcentaxe acadada na campaña pasada nestas mesmas datas, neste grupo de idade (72,3%). A porcentaxe de cobertura actual neste tramo de idade supera o 75% marcado como obxectivo polo departamento sanitario da Xunta e polo Ministerio de Sanidade.

No grupo de poboación con idades comprendidas entre os 65-69 anos xa se vacinou ao 65% da poboación, case oito puntos máis que nas mesmas datas do pasado ano (57,6).  Outras cifras destacadas da campaña deste ano son que, no grupo de 70 a 79 anos, a cobertura xa supera o 78% (78,08%), no de 80-84 está por riba do 79% (79,68%), e no de máis de 85 anos está preto do 85% (84,92%).

O Executivo galego convida a toda a poboación que aínda non se vacinou da gripe a facelo nas vindeiras datas, poñendo o foco naqueles persoas que integran os grupos de poboación diana. Ademais, agradece a todos os profesionais sanitarios, en especial ao persoal de enfermería, o seu labor e esforzo que está a protexer a saúde da cidadanía galega.

A Dirección Xeral de Saúde Pública lembra que a vacina é a mellor ferramenta  de prevención para evitar as complicacións que pode ocasionar esta enfermidade de carácter infeccioso-respiratorio.


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.