Un momento da reunión que mantiveron esta mañá a presidenta do COE Ourense, Ascensión Pérez Sampayo, e o secretario da entidade, José David Vázquez Bóveda, co interlocutor policial sanitario. | FONTE: COE Ourense.
Esta mañá, a presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense, Ascensión Pérez Sampayo, e mailo secretario da entidade, José David Vázquez Bóveda, reuníronse cun interlocutor policial sanitario.
O encontro valeu para avaliar o funcionamento do Observatorio de Agresións ao Persoal de Enfermería de Ourense, revisar os protocolos de actuación e nomear a José David Vázquez Bóveda coma novo coordinador do Observatorio.
Esta ferramenta, posta en marcha pola organización colexial a comezos de 2018, permite cuantificar e realizar seguementos de agresións a profesionais nos centros sociosanitarios da provincia, así como avaliar a efectividade das medidas adoptadas para atallalas.
Este Observatorio permite ao COE Ourense ofrecer unha serie de servizos para axudar a aqueles profesionais que teñan sido vítimas de agresión ou que queiran previr este tipo de situacións:
- Ofrece plans de formación dirixidos ás persoas colexiadas para detectar e distinguir tipos de agresións de aprender a manexar situacións conflitivas.
- Ofrece asesoramento xurídico ás profesionais que sexan vítima de agresións.
- Emprende acción legais pertinentes, de ser o caso, e actúa como parte representando á vítima da agresión.
- Fai seguemento das agresións rexistrándoas e elabora un informe anual que inclúe tamén actos violentos cara o persoal sanitario que se rexistren na provincia de Ourense.
- Ofrece apoio do Observatorio en todo o proceso de denuncia, dende o momento da agresión ata a sentencia final.
Lembra que se es vítima dalgún tipo de agresión (ameazas, calumnias, acoso, roubo, violencia no lugar de traballo…) durante o teu desempeño profesional, debes denuncialo: comunica a agresión á dirección do centro no que se produciu dito incidente e tamén a nós a través na nosa web (www.enfermeriaourense.org), onde poderás cubrir un formulario de rexistro de agresións dende a túa área privada.