De esquerda a dereita: Jesús Manuel García Díaz (director da UNED Ourense), Inés López Carral (presidenta do COE A Coruña), Ascensión Pérez Sampayo (presidenta do COE Ourense) e Olga Iglesias González (tesoureira do COE Ourense). Na pantalla, por teleconferencia: Ángel de Juanas Oliva (director de EIDUNED) e Paloma Collado Guirao (coordinadora do Programa de Doutoramento en Ciencias Biomédicas e Saúde Pública). | FONTE: COE OURENSE.
Ourense, 19 de xaneiro de 2023. A sede do COE Ourense acolleu esta mañá unha reunión entre a súa presidenta, Ascensión Pérez Sampayo, e o director da UNED Ourense, o doutor Jesús Manuel García Díaz, quen expuxo, en primeira instancia, as posibilidades de doutoramento que a Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) ofrece ao colectivo enfermeiro.
Neste encontro, no que tamén estiveron presentes a tesoureira da organización colexial, Olga Iglesias González, e a presidenta do COE A Coruña, Inés López Carral, tivo lugar unha teleconferencia co director da Escola Internacional de Doutoramento da UNED (EIDUNED), Ángel de Juanas Oliva, e maila coordinadora do Programa de Doutoramento en Ciencias Biomédicas e Saúde Pública, Paloma Collado Guirao.
Collado e De Juanas foron os encargados de explicar o funcionamento do IMIENS, o Instituto Mixto de Investigación Escuela Nacional de Sanidad da UNED no que se enmarca o citado programa de doutoramento e no que colabora, xunto coa UNED, o Instituto de Salud Carlos III (ISCIII). En palabras da coordinadora do propio Programa de Doutoramento en Ciencias Biomédicas e Saúde Pública, o que busca dita proposta é “fomentar a xeración de coñecemento ná área de ciencias da saúde e impulsar a innovación na atención sanitaria e na prevención de enfermidades”.
Este programa, que obtivo a avaliación positiva por parte da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA) en xuño de 2020, conta con máis de 200 docentes para a coordinación de teses, repartidos nunha decena de equipos de traballo e 37 liñas de investigación.
Por parte do COE Ourense, Ascensión Pérez Sampayo, valorou este programa coma "unha proposta formativa moi interesante e de calidade, e que pode ser de grande interese para os/as profesionais da Enfermería”, xa que é unha das titulacións ás que se dirixe este doutoramento (no mesmo caben tamén as titulacións de Medicina, Psicoloxía, Farmacia, Bioloxía, Bioquímica e Biotecnoloxía, Química ou Veterinaria, entre outras).
Potenciar este programa de doutoramento entre as colexiadas suporá abrir novas vías de fomento da investigación enfermeira, un dos obxectivos primordiais do COE Ourense. Para a organización colexial supón reforzar a súa aposta pola investigación, que se suma á xa existente liña de bolsas anuais que ofrece ás colexiadas para financiar estudos de doutoramento. Segundo Pérez Sampayo, “só apoiando o desarrollo profesional dos/as profesionais da enfermería e estimulando a formación continuada poderá avanzar a investigación, verdadeiro motor do sistema sanitario”.