Ulrike Müller, a enfermeira que fala galego con acento alemán

«Antes a sanidade era máis humana e social, menos farmacéutica», lamenta Uli, que acaba de pasar á xubilación tras máis de 35 anos traballando no centro de saúde de Vilamartín de Valdeorras


MARÍA COBAS (29/01/2023) Ulrike Müller, a enfermeira que fala galego con acento alemán. La Voz de Galicia. Recuperado de: www.lavozdegalicia.es


Bo día». Así contesta ao teléfono Mitsou Ulrike Müller Hermann aínda que non coñece o número. E en galego seguirá todo tempo a conversa, por teléfono e tamén en persoa, coa enfermeira recentemente xubilada que conseguiu xuntar a un bo número de compañeiros e amigos nun xantar de despedida. Uli, como a chaman todos os que teñen un trato algo próximo, puxo fin a 40 años de profesión á que chegou despois de estudar na Universidade de Santiago.

A súa vida en Galicia comezou por amor. Vivía en Frankfurt, a onde se mudara desde o seu Offenbach natal, cando coñeceu ao seu agora marido. Eran finais dos setenta e movíanse nos círculos activistas, desde contra a pena de morte ou o golpe de Estado de Chile á subida de prezos. Foi así como comezou a aprender español, un idioma que xa dominaba cando arredor dos oitenta a morriña tirou do marido de Uli e instaláronse no Carballiño, onde el nacera. «Tivemos unha granxa de coellos. O prezo da carne baixaba e o dos pensos subía. Eramos un grupo de xente nova que queríamos vivir do campo, pero non foi posible, fomos todos á ruína», relata. Ao tempo estudaba Enfermería. Algún tempo sopesou facer Medicina, pero era unha carreira moi longa. E foi nesa época cando aprendeu galego. Nun primeiro momento para entenderse coa familia do seu home, porque cando falaban entre eles Uli quedaba á marxe; e despois porque naquela época atopou en Compostela a moita xente que promovía o idioma propio. «Cando cheguei de Alemaña aprendín galego por respecto á xente e á cultura», di. E sempre lle foi ben, sobre todo cando empezou a traballar e chegou ao rural. Tras pasar cerca dun ano en Ourense, estivo uns meses en Castrelo do Val antes de chegar, en 1985, a Vilamartín de Valdeorras. «A xente das aldeas fala galego», resume. Pasou a ser «a enfermeira que fala galego con acento alemán», unha definición que aínda conserva e que lle provoca risas. Fala tamén inglés e francés, aínda que recoñece que practicalo pouco non axuda a conservalos. «Intenteino co euskera, pero é moi complicado», conta entre risas.

Cando empezou a súa andaina profesional era o que se chamaba practicante. «Visitabamos á xente nas casas. O traballo era un pouco de ver o que podían necesitar e escoitabas problemas de saúde pero tamén sociais, económicos... Con todos os erros de calquera sistema, a sanidade tiña entón unha visión máis ampla que me gustaba. Era máis humana e de prevención, non tan farmacéutica», di. Gozaba daquelas consultas de casa en casa, case sempre para falar coas mulleres, que eran as que estaban no fogar. «Quedaban co traballo da horta, dos nenos e dos vellos. Tres traballos sen pagar», remarca.

Nese tempo, a parella, que ten dous fillos, decidiu quedar a vivir en Vilamartín. Buscaron unha casa vella para rehabilitar, pero tornouse imposible polos prezos. E seguían na procura cando un veciño de San Miguel de Outeiro ofreceuse a venderlles unha viña na parte alta da aldea. «E construímos esta casa», relata Uli, un deseño do arquitecto Fernando Blanco Guerra, amigo da infancia do seu home. Nela goza do contacto coa natureza ao tempo que lamenta ver como esmorece o rural. «O campo está abandonado. O patrimonio tamén. En Francia valórano e chámanos chovinistas... Pois non estaba mal un pouco máis de amor pola terra», di. «Vin como os pobos e as aldeas foron morrendo. De San Vicente baixaba un autobús apretuxado, con 60 ou 80 nenos, 15 do Robledo e un montón máis do Mazo... Agora non hai ningún. E como vas ter un neno se non tes gardería ou un aluguer accesible», lamenta.

 

Unha candidata á alcaldía que quedou ás portas de ser concelleira


Ulrike ten ideas de esquerda e «fai séculos» como ela di, foi candidata á alcaldía de Vilamartín. Encabezou a lista de Esquerda Unida no ano 1995. Daquelas gobernaba Manuel Candal, que foi alcalde no franquismo e conservou o bastón de mando corenta anos. «Non saín por uns poucos votos», recorda Uli, que xa daquela apostaba por unha cidadanía máis participativa. «Gustaríame que a xente tivera máis voz, pero para iso fai falta máis información», di. Un sistema que vai moito máis alá de que a veciñanza vote cada catro anos. Non é fácil. E pon un exemplo: «Cando veñen as grandes multinacionais da enerxía eólica, os veciños non saben como lles vai afectar, nin nada. E así pasa con todo...». Segue tendo ideas políticas, pero leva tempo fóra da primeira liña. O que conserva intacto é o activismo. Non perde unha manifestación en defensa do Hospital Comarcal de Valdeorras e da sanidade pública, «que están desmantelando», di.

 


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.