O grupo de estudantes da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense que visitaron hoxe as instalacións do COE Ourense, acompañados da presidenta, Ascensión Pérez Sampayo | FONTE: COE Ourense.
Ourense, 4 de maio de 2023. As instalacións da nosa sé colexial acolleron hoxe a visita dun grupo de estudantes de cuarto curso do grao en Enfermería da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense. A propia presidenta do COE Ourense, Ascensión Pérez Sampayo, foi a encargada de dárlles á benvida ao colexio e de ofrecerlles unha charla na que o alumnado puido coñecer de primeira man en qué consiste o labor do colexio e qué servizos ofrece, tanto para as persoas profesionais colexiadas como para o estudantado de enfermería.
O grupo de estudantes, acompañado da directora da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense, Mª Milagros Fernández Varela, aproveitou a ocasión para achegar as súas dúbidas sobre a colexiación e as vantaxes que ofrece. Ao longo de hora e media, a presidenta do COE Ourense expúxolles a entidade como un ‘espazo aberto’ onde teñen cabida as propostas e inquietudes do estudantado de enfermería: “o colexio conta cunha ampla biblioteca da que podedes valervos sempre que queirades, así como do espazo de estudo que ofrece”.
Así mesmo, destacou os aspectos máis salientables para o estudantado: a existencia dun seguro de responsabilidade civil durante as prácticas de estudantes de enfermería, as axudas para a investigación que ofrece o Colexio e os incentivos para a participación en congresos e xornadas. Ademais, Pérez Sampayo recordoullles que o COE Ourense ofrece subvención dos gastos do primeiro ano de colexiación (matrícula + cotas) para os dous mellores expedientes académicos da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense.
Nesa liña de apertura cara o estudantado e á sociedade, a presidenta do Colexio animounos a presentar as súas ideas e proxectos no colexio para que, dende el, se lles poida ofrecer o apoio necesario para ‘botalas a andar’ ou darlles a proxección e o respaldo necesarios. “O Colexio Oficial de Enfermería de Ourense é dos máis pequeniños de España, pero moi movido”, apuntou neste encontro Pérez Sampayo, quen resaltou a implicación da entidade nos proxectos piloto postos en marcha dende a Organización Colexial de Enfermería de España: "nun proxecto relativo á implantación da prescrición enfermeira no ámbito privado", noutro sobre "a posta en marcha dun teléfono para a denuncia de agresións a profesionais da enfermería no que se dará asesoramento ás vítimas de violencia no desempeño do seu traballo”, e un terceiro proxecto sobre o que “moi pronto daremos máis datos”, e que a propia Pérez Sampayo califica como “moi bonito e ilusionante”. “Que o COE Ourense sexa o único colexio de enfermería de España que participa nestes tres proxectos piloto é algo que nos enche de orgullo e ganas de seguir traballando”, puntualizou.