Verónica Civeira, referente en atención comunitaria: «Moitas veces nin os nenos nin os pais son conscientes de que os vapeadores son aditivos»

Os centros de saúde da provincia de Ourense promoven actividades para a prevención da enfermidade e os bos hábitos entre a poboación

 


MARÍA COBAS (18/11/2023) Verónica Civeira, referente en atención comunitaria: «Moitas veces nin os nenos nin os pais son conscientes de que os vapeadores son aditivos». La Voz de Galicia. Recuperado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/ourense/2023/11/18/span-langglmoitas-veces-nin-os-nenos-nin-os-pais-conscientes-os-vapeadores-aditivosspan/0003_202311O18C5991.htm  Fotografía: Sergas


 

Verónica Civeira leva tempo sendo a supervisora de enfermería na atención a crónicos da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, un cargo ao que acaba de sumar o de referente en atención comunitaria. «Está todo moi relacionado, porque crónicos, educación para a saúde e prevención van da man», di. É a coordinadora para a provincia dun equipo formado por un referente en cada servizo. «Cada un vai traballar para que cada vez se faga máis comunitaria na súa zona, vendo as necesidades do lugar. Porque poden non ser as mesmas en Castro Caldelas que no centro de saúde de Nóvoa Santos», explica.

—¿Faise comunitaria en toda a provincia?

—Si. Tanto enfermería como nutricionistas, hixienistas, matronas e médicos están moi involucrados dentro do tema da prevención e a promoción. Nuns sitios igual fai máis comunitaria a matrona e noutros a enfermeira, pero en toda a provincia se fai.

—Este mes está dedicado aos hábitos alimentarios saudables, con medio cento de charlas.

—Levamos moitos anos facendo comunitaria e saíndo aos colexios e asociacións. Agora o que se quere é que tamén os pacientes se acostumen a que no centro de saúde, igual que van facer analíticas e outras cousas, tamén se lles ofrecen obradoiros de educación para a saúde de forma periódica, que o vexan como un traballo máis. É unha cousa máis que lle podemos facer no centro de saúde e é unha das prioritarias. Temos que ir por ese camiño, pola prevención...

—Nesa idea de que hai que concienciar á poboación da saúde...

—Hai que potenciar a prevención e a promoción da saúde desde a atención primaria. Ten que ser un dos piares do noso traballo. E a educación para a saúde. Hai cousas que non están na nosa man, como cumprir anos, e oxalá cumpramos moitos; pero hai factores de risco que si o están, sobre todo se falamos de obesidade, hipertensión, diabete, colesterol...

—Porque cada vez somos máis vellos...

—Cada vez hai máis patoloxías crónicas e a fraxilidade tamén é un problema que está aí na xente maior. Todo o que poidamos facer de empoderalos a eles, de que saiban como actuar e cales son as mellores decisión para a súa saúde segundo cada caso vai ser bo para eles e para o sistema. As patoloxías crónicas son un problema moi importante que hai que atallar, e o mellor para iso é que eles se corresponsabilicen da súa saúde. Tamén nos nenos, co tema da obesidade. E por aí van os tiros.

—¿A obesidade dos nenos aínda preocupa máis?

—Preocúpame toda. O bo é que os nenos non teñen que desaprender para aprender. Se conseguimos que os nenos sexan conscientes da importancia dos hábitos saudables, van ser adultos sans. De adultos é máis difícil cambiar, pódese, pero temos que desaprender para aprender de novo, e iso cústanos máis. Por iso levamos moito tempo traballando con nenos, porque é a mellor época para aprender e tamén é a mellor época para chegar á casa e transmitirlle o aprendido e corrixir aos maiores. Eu son moi fan dos nenos nese sentido.

—¿Téñeno comprobado?

—Moitísimo. Co obradoiro de pupas, o de primeiros auxilios, que se leva facendo desde o 2018, pasáraselle unha enquisa a 800 familias. Os nenos chegaban á casa, compartían o que aprendían e corrixían os malos hábitos nos maiores. En temas como o sangrado de nariz ou como facer ante una queimadura ou unha ferida. Están claro que aí temos uns aliados marabillosos.

—¿Que hai que facer ante un sangrado de nariz?

—Non pór a cabeza para arriba. Hai que apertar, ter moita paciencia, apertar sen soltar cada pouco e cabeza para abaixo. E nada máis.

—Iso igual o aprenderon moitas familias grazas aos nenos.

—Si (ri). E tamén que as queimaduras hainas que meter en auga fría, non botarlle cousas raras. E as feridas cando caes no patio hai que limpalas con auga, que non vale de nada encher de Betadine a perna se primeiro non a limpaches.

—Despois iso choca cando se ve a un rapaz de 12 anos fumando.

—E máis pequenos tamén... Agora o problema son os vapeadores, que están de moda. O 31 de outubro fixemos obradoiros relativos ao tabaco en colexios e institutos e vimos que temos moito camiño por andar. Hai moitísimo campo de temas que tratar e facer en canto a educación para a saúde, que é necesaria nos colexios, nos institutos, nos maiores de 70 para previr a fraxilidade, nos crónicos... Temos traballo por diante.

—¿A que achacan que trunfen os vapeadores?

—Á publicidade. Antes fumábase moito, despois baixou e agora volve. En tabaco non hai ese bombardeo que había antes, que estaba na tele continuamente; pero os vapeadores véndense en todos lados, pouco máis nas tendas de chucherías. Vas a un centro comercial ou a un súper grande e ves vapeadores de todos os sabores. Iso mesturado co tema da adolescencia, de querer resaltar, de querer ser guai... E moitas veces nin os nenos nin os pais son conscientes de que son aditivos, de que vapear é malo... O outro día un neno de sexto de primaria discutíallo nun cole a unha compañeira e ela preguntoulle se fumaría un ambientador do baño e el contestou que non. «Pois xa está». Non saben o que levan dentro, e cando llo conten eles mesmos din «uf, que asco». Aí temos moito camiño por andar, pero andámolo con moita ilusión. Temos sorte de que en Ourense en atención primaria hai moita xente que cre na importancia da educación sanitaria.

—E están preparando unha escola para persoas coidadoras.

—Eran uns deberes pendentes. Ourense é como é, temos moita poboación envellecida, por sorte nas súas casas, coidados a maioría polas fillas, por noras, por mulleres que deixan todo para coidar. Crear unha rede desde o centro de saúde de apoio, de formación, de que se sintan empoderadas para resolver as súas dúbidas era algo pendente. Hai pouco máis de seis meses que montamos o grupo de traballo e esperamos poñer as escolas en marcha antes de final de ano.

—¿É para que as coidadoras saiban coidar ou coidarse?

—Vai nos dous sentidos. Son obradoiros para os coidadores, así que van de coidarse para coidar, pero hai tamén uns de prevención de úlceras ou de alimentación para pacientes inmobilizados. Contamos coas compañeiras de saúde mental, fisioterapeutas e enfermeiras. Buscamos que entendan a importancia de que elas estean ben, de coidarse anímicamente e as costas, que coñezan os problemas que poden derivar de estar 24 horas todos os días pendentes doutra persoa.


Imprimir  
We use cookies

Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.