A Xunta inicia o proceso participativo para elaborar o novo Decreto regulador da ordenación da atención primaria

O propósito do novo decreto será potenciar un novo modelo organizativo, reforzando a autonomía dos servizosm, en liña co proceso de impulso aos plans locais de saúde que se está a desenvolver desde a Consellería de Sanidade

Venres, 22 de outubro de 2021.- Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia publica hoxe no Portal de Transparencia a consulta pública previa para iniciar o trámite de elaboración do novo Decreto de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Este proceso foi avanzado polo presidente da Xunta a pasada semana durante o debate de política xeral, no que destacou o compromiso de “abrir nos próximos días un proceso de consulta pública para recadar as opinións do sector sobre a renovación do decreto regulador da ordenación da atención primaria, aprobado en 1993”.

O propósito deste novo decreto será outorgar un marco xurídico que dote dunha maior autonomía de xestión aos servizos de atención primaria para axeitarse ás características da poboación á que atenden. Para iso, é necesario potenciar para estes efectos a dirección dos servizos a través do papel dos postos de xefatura e coordinación, reforzar o papel das diversas profesións sanitarias e das súas competencias profesionais e desenvolver instrumentos como os plans locais de saúde, cuxa pilotaxe en varios servizos de atención primaria xa está a ser realizada pola Consellería de Sanidade.

Así, o novo decreto cuxo proceso de elaboración iníciase agora, deberá actualizar a regulación dos aspectos básicos da atención primaria, como poden ser a ordenación territorial e a organización e clasificación de centros de traballo; os instrumentos de planificación; as actuacións, servizos e funcións da atención primaria e a participación nos mesmos dos centros e do seu persoal; a dirección e a coordinación dos diversos centros, da súa actividade e do seu persoal; o réxime xurídico dese persoal; ou a coordinación dos centros de atención primaria cos dispositivos de atención hospitalaria e sociosanitaria.

Desde hoxe mesmo e ata o 5 de novembro ábrese un prazo no que cidadanía, profesionais e organizacións poderán remitir cantas achegas ou opinións se estimen convenientes por vía electrónica a través do formulario habilitado no propio Portal de Transparencia.

Reforma da atención primaria

Esta renovación normativa supón avanzar na liña de reforma da atención primaria que a Xunta de Galicia iniciou no ano 2019 coa aprobación do Plan de Atención Primaria, a elaboración do documento estratéxico ‘Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde’ e a creación dun Consello Técnico de Atención Primaria como órgano de participación do sector que ao longo deste ano foi aprobando documentos de traballo para orientar os procesos de reforma.

Nestes momentos, a Xunta está a traballar nunha reorganización dese nivel asistencial que permita desenvolver en plenitude as competencias de cada categoría profesional implicada na atención atención primaria.

Así, desde o pasado 1 de outubro, o persoal de enfermería de primaria xa ten habilitado o procedemento de receita electrónica de determinados produtos sanitarios. Por outra banda, estase a deseñar un sistema de xestión da demanda en equipo que organizará o acceso do paciente ao profesional máis axeitado á súa demanda, potenciando o papel do persoal administrativo dos centros de saúde, permitíndolles citar directamente ao paciente nunha consulta de enfermería, fisioterapia, traballo social, odontoloxía ou do resto das categorías presentes en atención primaria, sen necesidade de pasar previamente pola consulta do médico.

E avánzase tamén en facilitar ao persoal de medicina de familia a realización de certos labores burocráticos como a realización de determinados informes. No proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos Orzamentos para 2022 proporemos a incorporación de novo persoal médico de apoio para que médicos titulados, que aínda non completaron a súa especialidade, poidan ser contratados polo Sergas para apoiar ao médico de familia na xestión de procesos.

Déficit de profesionais

Esta reforma de atención primaria que prevé un modelo organizativo menos centrado no médico responde a unha nova situación sociodemográfica que, a través do avellentamento da poboación, provoca a existencia dun maior número de pacientes crónicos e pluripatolóxicos que require un modelo distinto de atención. Neste sentido, o proxecto de Orzamentos para 2022 que a Xunta remitiu ao Parlamento de Galicia, dota 109 novas prazas en atención primaria: 81 en enfermería e 28 en farmacia.

Porén, ademais da reorganización, cómpre abordar o déficit de persoal médico especialista en medicina familiar e comunitaria. No eido autonómico, a oferta de prazas de formación sanitaria especializada en Galicia para este ano, a maior das convocatorias feitas ata o momento, cubre o 100 % das prazas acreditadas na especialidade de medicina familiar e comunitaria. Estas prazas de formación son financiadas na súa totalidade pola comunidade autónoma.

Ademais, o proxecto de Orzamentos de Galicia para 2022 contempla 162 novas prazas de persoal residente en formación, o que supón un incremento dun 5% nos fondos de persoal do programa de formación sanitaria.

Para poder aumentar estas prazas e abordar o problema de déficit de especialistas en medicina familiar e comunitaria que sufre o Sistema Nacional de Saúde español, a Xunta trasladou no Consello Interterritorial monográfico sobre atención primaria celebrado en Canarias a comezos deste mes, varias demandas, entre as que se atopaba a revisión dos criterios de acreditación de prazas de formación para a especialidade de medicina familiar e comunitaria, así como o incremento extraordinario do número de prazas MIR.

Nese sentido, a comezos desta semana, a Xunta de Galicia remitiu ao Ministerio de Sanidade 20 propostas de reforma para mellorar o programa formativo de medicina familiar e comunitaria e facilitar a acreditación de máis unidades docentes.


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.