A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), quere consolidar unha estrutura de servizo de apoio ao persoal de investigación sanitaria. Así o manifestou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no transcurso do acto de benvida ao persoal que se incorpora este ano aos programas dos institutos galegos de investigación sanitaria, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Saúde. Ao acto asistiron o xerente do Sergas, José Flores Arias, a directora Xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, e o xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa.
Sala de prensa do Sergas. Fotografía de portada: Sala de prensa Sergas.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), quere consolidar unha estrutura de servizo de apoio ao persoal de investigación sanitaria. Así o manifestou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no transcurso do acto de benvida ao persoal que se incorpora este ano aos programas dos institutos galegos de investigación sanitaria, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Saúde. Ao acto asistiron o xerente do Sergas, José Flores Arias, a directora Xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, e o xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa.
No que levamos de ano, un total de 23 profesionais incorporáronse en distintos programas de investigación que se desenvolven nos centros sanitarios públicos de Galicia
Durante o seu discurso, o titular da sanidade galega destacou a importancia de manter un alto nivel de investigación para un servizo de saúde como é o Sergas, sendo tamén fundamental a docencia e a formación para contribuír a mellorar o nivel da asistencia sanitaria prestado á cidadanía. Por iso, sinalou, "contar con profesionais que orientan a súa actividade cara á investigación, será clave para poder manter os niveis de calidade asistencial dos que nos sentimos orgullosos".
Comesaña incidiu na máxima vontade de colaboración e apoio ao traballo dos investigadores, con medidas como a sinatura do primeiro convenio colectivo específico para o persoal das Fundacións de Investigación Sanitaria de Galicia no pasado mes de xuño, ou favorecendo a transferencia de resultados, coa formalización da primeira spin-off con participación do Sergas desde a súa constitución.
Por outra banda, segundo avanzou García Comesaña, dentro dos proxectos de innovación do Sergas tense a intención de implantar unha Plataforma do Investigador con protocolos de xestión práctica, para facilitar as funcións administrativas e resolver as incidencias e cuestións básicas que lles poidan xurdir aos investigadores no desenvolvemento da súa actividade profesional. Así mesmo, o conselleiro informou que, nas vindeiras semanas, está previsto aprobar os convenios coas tres fundacións de investigación sanitaria para desenvolver o programa InTrES, de fomento da investigación traslacional de excelencia.
En Galicia, a execución da investigación sanitaria estrutúrase arredor dos tres institutos de investigación biomédica, constituídos pola colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e as tres universidades galegas. Trátase do instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), o instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC) e o instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). Nestes institutos, a través dos seus máis de 150 grupos de investigación, execútanse os proxectos dos centros sanitarios públicos do Sergas.