Investigadores do Álvaro Cunqueiro primeiros do mundo en demostrar a eficacia do carbonato de litio en pacientes ingresados con COVID-19

Investigadores do Hospital Álvaro Cunqueiro conseguiron publicar un artigo que amosa a eficacia do tratamento con litio en pacientes ingresados con covid 19 na prestixiosa revista internacional Frontiers of Pharmacology. Trátase da primeira investigación mundial que constata os beneficios do carbonato de litio nestes pacientes nun ensaio clínico controlado.

Sala de prensa Sergas (26/04/2022)

Investigadores do Hospital Álvaro Cunqueiro conseguiron publicar un artigo que amosa a eficacia do tratamento con litio en pacientes ingresados con covid 19 na prestixiosa revista internacional Frontiers of Pharmacology. Trátase da primeira investigación mundial que constata os beneficios do carbonato de litio nestes pacientes nun ensaio clínico controlado.

O artigo, titulado “Eficacia y seguridad del tratamiento con Litio en pacientes infectados por SARS-CoV-2 (Pacientes con COVID-19 ingresados)”, recolle os resultados acadados no ensaio clínico realizado polo Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, CIBERSAM, dirixido polo Dr. Jose Manuel Olivares.

“Estamos moi satisfeitos xa que isto culmina un importante traballo de investigación que vimos desenvolvendo en diferentes fases durante estes dous últimos anos, e nun contexto asistencial moi complicado. Desde o comenzo da emerxencia sanitaria no noso país estivemos a traballar nesta nova terapia con carbonato de litio, fixemos varios estudos cuns resultados moi alentadores, que nos animaron a continuar e realizar este ensaio clínico que, nestes momentos, xa está a ser valorado pola comunidade científica internacional”, explica o doutor Olivares. 

Propiedades do litio
O carbonato de litio é un fármaco de uso exclusivo baixo prescrición médica que se emprega desde hai 70 anos en distintos cadros psiquiátricos, como o trastorno bipolar, depresión resistente, determinados cadros de irritabilidade e axitación, etc.
Desde hai tempo, coñécese que ten a capacidade de inhibir a replicación de varios tipos de virus, algúns deles similares ao do SARS-CoV-2.

Outras das súas propiedades é a súa capacidade para aumentar a resposta inmunolóxica, incrementando os niveis de linfocitos; así como a de previr e diminuír a actividade inflamatoria, que é a causante principal dos problemas nos pacientes máis graves, levándoos mesmo á morte.

Resultados do ensaio
Para realizar este ensaio clínico foi necesaria a autorización da Agencia Española del Medicamento. No seu desenvolvemento contou coa participación dos servizos de Psiquiatría, Medicina Interna, Microbioloxía, Medicina Intensiva e Urxencias do Hospital Alvaro Cunqueiro.   

O estudo consistiu en recrutar 30 pacientes ingresados por Covid19, e de modo aleatorio asignar 15 pacientes para ser tratados coa terapia habitual e outros 15 para ser tratados tamén con litio.

Os resultados indican que o litio foi capaz de reducir o número de días de ingreso, así como o risco de falecemento. Tamén comprobouse que reducíronse os síntomas da COVID-persistente ao mes do inicio do tratamento.

Outro dos autores do artigo, o biólogo e Investigador Senior do Grupo de Investigación, Carlos Spuch, sinala que a nivel de laboratorio confirmouse que o grupo de pacientes tratados con litio presentaron un rápido aumento das defensas linfocitarias, así como  unha redución dos niveis das citoquinas inflamatorias, causantes da actividade inflamatoria, fronte ao grupo de control.  

Ademais, outra das conclusións máis subliñables é que non se produciron efectos secundarios relevantes, resultando seguro o emprego do litio en todos os pacientes.
  
O doutor Olivares explica que “con este ensaio acadamos dar un paso máis na procura de novas terapias fronte á Covid, abrindo un novo campo para ampliar as investigacións e insuflando grandes expectativas no control da enfermidade“

Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.