O plan galego de hospitalización 2019-2023 da Xunta recibe o premio ao mellor programa de atención domiciliaria a pacientes crónicos impulsado por unha comunidade autónoma

Principal Visto: 396

O Plan Galego de Hospitalización a Domicilio 2019-2023 da Xunta de Galicia vén de recibir en Madrid, no Círculo de Bellas Artes, no marco dos premios Tecnoloxía e Saúde 2022, o galardón ao mellor programa de atención domiciliaria a pacientes crónicos impulsado por unha comunidade autónoma, nun acto que estivo presidido pola secretaria de Estado de Sanidade, Silvia Calzón. O galardón foi recollido pola subdirectora xeral de Atención Hospitalaria do Sergas, Raquel Vázquez Mourelle.

Sala de prensa Sergas (23/11/2022) Fotografía: Sala de prensa Sergas

O Plan Galego de Hospitalización a Domicilio 2019-2023 da Xunta de Galicia vén de recibir en Madrid, no Círculo de Bellas Artes, no marco dos premios Tecnoloxía e Saúde 2022, o galardón ao mellor programa de atención domiciliaria a pacientes crónicos impulsado por unha comunidade autónoma, nun acto que estivo presidido pola secretaria de Estado de Sanidade, Silvia Calzón. O galardón foi recollido pola subdirectora xeral de Atención Hospitalaria do Sergas, Raquel Vázquez Mourelle.

Estes premios, que outorga a Fundación Tecnoloxía e Saúde en colaboración coa Federación Española de Empresas de Tecnoloxía Sanitaria (Fenin), recoñecen cada ano iniciativas, actuacións e traxectorias de excelencia de profesionais, comunidades autónomas, institucións, asociacións de pacientes e emprendedores que destacan pola súa aportación á saúde e mellora da calidade de vida da poboación.

A concesión do galardón reflicte que o Plan Galego de Hospitalización a Domicilio é concebido como un modelo de atención cara ao futuro, centrado nas necesidades do paciente. Un dos principais valores desta iniciativa baséase, -segundo se explica na concesión do premio-, na incorporación das novas tecnoloxías como ferramentas facilitadoras da calidade asistencial e seguridade do paciente, que adquiriron maior importancia por mor do envellecemento da poboación, o aumento da cronicidade e o desexo dos doentes de seren atendidos no seu fogar.

Na súa intervención no acto, a subdirectora de Atención Hospitalaria do Servizo Galego de Saúde, Raquel Vázquez Mourelle, amosou o agradecemento do departamento sanitario galego á Fundación Tecnoloxía e Saúde que recoñeceu o impulso do Sergas na posta en marcha do Plan Galego de Hospitalización a Domicilio 2019-2023. “Levamos anos esforzándonos en incorporar as novas tecnoloxías no ámbito asistencial, como ferramenta facilitadora da calidade e seguridade do paciente”. Tamén agradeceu “a todos os profesionais que se dedican diariamente aos pacientes que requiren hospitalización a domicilio, por esa vocación e sensibilidade que lles caracteriza”.

A cidadanía galega, -proseguiu a representante do Sergas-, “valora especialmente a súa atención porque repercute na súa calidade de vida. E desde logo que este premio quen o merece especialmente “son os meus compañeiros que definiron o Plan”. Ao respecto, lembrou a todo o grupo de traballo liderado pola directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, e que conformaban María Jesús Rey Tristán como coordinadora, Montserrat García Sixto, Leticia Hermida Porto, e Fernando Lamelo Alfonsín, entre outros profesionais.

Imprimir