A Xunta de Galicia pon en marcha a Rede galega de parques sen fume coa incorporación dos primeiros 18 concellos. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no concello da Estrada, “que está comprometido con esta causa”. Tal e como referiu o conselleiro no acto, do que foi anfitrión o alcalde da Estrada, José López Campos, logo da aprobación da creación desta rede no Consello da Xunta, a finais do mes de novembro, e para incentivar e premiar os concellos que primeiro decidiran adherirse a esta rede, a Xunta facilitou de forma gratuíta o material de sinalización, sendo preto de 20 os concellos que deron de inmediato ese primeiro paso.
Sala de prensa Sergas (17/01/2023) Fotografía: Sala de prensa Sergas
Os concellos participantes nesta iniciativa adquiren, -remarcou o conselleiro-, unha serie de compromisos entre os que citou, a identificación e sinalización dos parques con materiais da rede facilitados pola Consellería de Sanidade. Ademais, os concellos comprométense a difundir entre a poboación os folletos informativos e de sensibilización. Tamén se comprometen a desenvolver actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco, así como dar soporte a accións levadas a cabo no ámbito escolar, e, así mesmo, organizar e impartir charlas sobre os beneficios de non fumar.
As cifras dos últimos anos indican que ao redor do 20% da mocidade entre 16 e 24 anos fuma diariamente, e lograr que estas cifras baixen é un obxectivo prioritario para o departamento sanitario galego. Ao respecto, o 75% das persoas enquisadas por Sanidade son partidarias de seguir aumentando o crecemento de espazos públicos sen fume. Por iso, seguiremos a traballar, -dixo o conselleiro-, “promovendo programas, actividades ou accións que incidan na concienciación sobre o consumo de tabaco”.
Tamén a Xunta traballa no desenvolvemento do Plan de trastornos aditivos de Galicia, que ademais de incidir na prevención, irá dirixido ás persoas que padecen un trastorno aditivo, “buscando non só a superación da adición, senón, tamén, a reincorporación social da persoa”.
Así mesmo, o conselleiro tamén destacou os Plans Locais de Saúde, documentos estratéxicos dos servizos de atención primaria, que convirten aos centros de saúde en copartícipes da aplicación das políticas de saúde pública. O conselleiro rematou destacando a labor do centro de saúde da Estrada, o mellor de España por sexta vez consecutiva, que destaca non só pola calidade da súa atención sanitaria, senón tamén polo seu importante número de actividades comunitarias, cun total de 14 durante o 2022.