A Xunta pon en funcionamento o novo local de Ados en Ourense para a doazón de sangue

A Xunta de Galicia vén de poñer en funcionamento o novo local da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) en Ourense para a doazón de Sangue, que ten unha superficie de 95 m2, e que contará cunha sala de hemodoazón con cinco postos, e no que será posible tamén doar por aférese.


Sala de prensa Sergas (14/03/2023) Fotografía: Sala de prensa Sergas


A Xunta de Galicia vén de poñer en funcionamento o novo local da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) en Ourense para a doazón de Sangue, que ten unha superficie de 95 m2, e que contará cunha sala de hemodoazón con cinco postos, e no que será posible tamén doar por aférese. O local, que supuxo un investimento de máis de 80.000 euros, foi visitado hoxe polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nun acto no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta,  Gabriel Alén, e pola directora de ADOS, Marisa López.

O novo local ofrecerá un amplo horario de atención nas súas novas instalacións, que estarán abertas os luns e venres das 15 ás 22 horas, e os martes, mércores e xoves de 8 a 15 horas. Subliñar que, a partires do 1 de xuño e ata o 30 de setembro, o horario será de luns a venres, de 8 a 15 horas.

Tal e como destacou o conselleiro, Galicia conta cun modelo de doazón cunha moi importante capilaridade en todo o territorio, posicionando á nosa comunidade no ámbito da doazón como unha referencia. Así, no que se refire a locais de doazón, hai sete, un por cada área sanitaria. Ademais, para garantir o acceso nos 313 concellos, tamén nos máis rurais, a Xunta puxo a disposición de ADOS un renovado e moderno parque móbil. En total, -destacou o conselleiro-, 12 unidades móbiles que recorren diariamente os municipios galegos.

O pasado ano, adxudicouse unha nova unidade móbil para Ourense, por 350.000 euros, que xa está practicamente lista e incorporarase este mes, -remarcou Comesaña-.

Xunto a todo o anterior, ADOS renovou por completo, en 2019, o parque móbil destinado á promoción da doazón, que son sete vehículos cos que os profesionais desta axencia se desprazan ata os centros de ensinanza, empresas e institucións públicas, para desenvolver un papel moi importante, como é concienciar á cidadanía da importancia de doar vida.

Galicia, entre as comunidades con mellor taxa de doazón

Tal e como sinalou o titular da carteira sanitaria, todo este investimento fixo que, mesmo logo do trastorno que supuxo a pandemia, Galicia estea entre as catro comunidades con mellor taxa de doazón. Así, no 2021 na nosa comunidade realizáronse máis de 106.000 doazóns. En concreto, -dixo o conselleiro-, no local de Ourense veuse rexistrando ao redor de 1.600 doazóns anuais, e a tendencia foi moi positiva nesta cidade, acadando unha taxa de doazón de 40 por mil habitantes en 2018, que aumentou progresivamente ata unha taxa de 49 no pasado ano, o que reflicte a solidariedade da veciñanza desta cidade.

As máis de 106 doazóns realizadas en Galicia permitiron, -dixo o máximo responsable do Sergas-, levar a cabo máis de 156.000 intervencións cirúrxicas, 298 transplantes de órganos, case un ao día, e atendéronse a máis de 31.000 urxencias hospitalarias.

O conselleiro de Sanidade aproveitou o acto para remarcar a importancia da doazón, posto que cada día precísanse entre 400 e 500 para cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos dos centros sanitarios. 

Para rematar a súa intervención, Comesaña agradeceu a todos os profesionais que conforman ADOS o seu traballo fundamental para a sanidade galega e o seu recoñecemento aos máis de 76.000 doadores e ás entidades sociais que colaboran na promoción da doazón.


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.