O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, na inauguración da Xornada: Saúde con perspectiva On-LIVE, que o seu departamento acaba de iniciar o proceso participativo da nova Estratexia galega de saúde 2023-2030, “coa que poremos a saúde da muller no centro de todas as políticas sanitarias”. Segundo o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, “esta estratexia vai incorporar o enfoque de xénero na súa planificación e programas asistenciais, así como nos ámbitos de investigación”.
Sala de prensa Sergas (15/03/2023) Fotografía: Sala de prensa Sergas
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, na inauguración da Xornada: Saúde con perspectiva On-LIVE, que o seu departamento acaba de iniciar o proceso participativo da nova Estratexia galega de saúde 2023-2030, “coa que poremos a saúde da muller no centro de todas as políticas sanitarias”. Segundo o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, “esta estratexia vai incorporar o enfoque de xénero na súa planificación e programas asistenciais, así como nos ámbitos de investigación”.
Na xornada, liderada por Sanidade, e co apoio de Organon e da Axencia galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o conselleiro dixo que, na elaboración da Estratexia de Saúde, o seu departamento vai contar “coa participación multidisciplinar de profesionais do sistema sanitario galego e daquelas organizacións e institucións que xogan un papel esencial no desenvolvemento do ecosistema de saúde galego”.
O noso obxectivo, -incidiu o máximo responsable do Sergas-, “non é ter un documento específico de saúde da muller, senón contar co documento máis integral e participado posible e que nel a saúde da muller impregne todas as políticas sanitarias”.
Comesaña remarcou que a Xunta ten xa unha traxectoria implementando actividades pensadas para reforzar e mellorar a atención á saúde das mulleres. En concreto, no ámbito da prevención, Sanidade está a poñer moita énfase nos cribados poboacionais, “unha liña na que o Goberno galego ten unha aposta clara co aumento de máis do 70% da partida para cribados nos Orzamentos para 2023, ata acadar os 2,6 millóns”.
Galicia conta, tamén, cun programa de cancro de mama con máis de 30 anos de historia, e co que se realizaron máis de tres millóns de exploracións. Grazas a este cribado descubríronse nestes anos preto de 11.000 cancros, “dos que case o 70% estaban en estadíos precoces”, tendo un prognóstico moito máis favorable. Para seguir mellorando este programa, o conselleiro sinalou que a Xunta ampliará nesta lexislatura o actual rango de 50 a 69 anos, para estendelo tamén ás galegas dende os 45 ata os 74 anos.
Segundo detallou Comesaña, Galicia tamén destaca no ámbito do cribado de cancro de cérvix. Iniciouse a súa implantación na área de Lugo en 2021, estendéndose ás áreas de Pontevedra e Ferrol o pasado ano, e no actual chegará ás restantes áreas. Deste xeito, “a nosa comunidade adianta en seis anos o obxectivo fixado polo Ministerio de Sanidade, que indica o 2029 como ano tope para rematar a implantación”. Comesaña dixo que, a comezos deste mes, “contábamos xa con máis de 17.000 resultados de mulleres participantes, das que máis dun 6% resultaron positivas ao virus do papiloma humano de alto risco”. Deste xeito, o programa está a axudar a previr o avance deste cancro en moitas mulleres galegas, conseguindo que máis do 50% das mulleres da poboación obxectivo participen no programa.
Unidades solo pelviano
No ámbito asistencial, o conselleiro remarcou que un gran punto forte dos programas de saúde da muller do Executivo galego é a atención ao solo pelviano. Así, dende 2017, o Sergas conta cun programa estruturado de atención ás disfuncións do solo pelviano en atención primaria no que, segundo os últimos datos dispoñibles, dende 2017 a 2021 as matronas atenderon neste nivel asistencial, a máis de 4.500 mulleres con disfunción de solo pelviano.
Neste apartado, remarcou Comesaña que Galicia constituiu, no último ano, unidades multidisciplinares de solo pelviano en cada área sanitaria, e completou a creación de consultas específicas para a endometriose, tamén en todas as áreas.
Xunto ao anterior, a incorporación dos robots Da Vinci nas sete áreas galegas posibilitou que os servizos de xinecoloxía realizaran xa 300 intervencións con esta nova tecnoloxía, e na actualidade estanse a usar para operar endometrioses ou cancros de cérvix ou de ovario.
Para rematar a súa intervención na xornada, Comesaña amosouse moi satisfeito do desenvolvemento do primeiro Plan de igualdade do Sergas, aprobado co consenso de todas as organizacións sindicais da Mesa Sectorial, e que ten medidas tan importantes como a sensibilización e formación en igualdade para as e os profesionais do Sergas.