O Consello da Xunta aprobou de forma definitiva a Estratexia Galega de Saúde 2030, o documento estratéxico plurianual que fixa as prioridades e os obxectivos comúns para os eidos da saúde pública, prevención de riscos sanitarios e promoción da saúde; da prestación de asistencia sanitaria e da docencia, formación, investigación e innovación sanitarias. A aprobación desta planificación integrada é un mandato derivado da reforma da Lei de Saúde de Galicia que o Parlamento de Galicia aprobou trala fase aguda da pandemia da covid, considerando que unha das principais leccións da mesma era a necesidade dunha maior integración dos distintos aspectos da política sanitaria.
Sala de prensa Sergas (30/11/2023)
O Consello da Xunta aprobou de forma definitiva a Estratexia Galega de Saúde 2030, o documento estratéxico plurianual que fixa as prioridades e os obxectivos comúns para os eidos da saúde pública, prevención de riscos sanitarios e promoción da saúde; da prestación de asistencia sanitaria e da docencia, formación, investigación e innovación sanitarias. A aprobación desta planificación integrada é un mandato derivado da reforma da Lei de Saúde de Galicia que o Parlamento de Galicia aprobou trala fase aguda da pandemia da covid, considerando que unha das principais leccións da mesma era a necesidade dunha maior integración dos distintos aspectos da política sanitaria.
O texto aprobado esta mañá incorpora achegas de asociacións de pacientes, colexios profesionais e particulares, ademais de recomendacións da Secretaría Xeral de Igualdade. A estratexia incorpora a perspectiva de xénero na súa diagnose e nas súas medidas de futuro, priorizando a abordaxe dos problemas de saúde nos que existen desigualdades entre mulleres e homes e reforzando as políticas activas de igualdade para o persoal sanitario.
No marco do proceso participativo ao que se someteu o proxecto de Estratexia, o documento foi presentado ao Consello Galego de Saúde, ao Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia e ao Consello Asesor de Pacientes de Galicia.
Así, esta estratexia define 5 dimensións estratéxicas, 20 programas e ata 100 liñas de actuación destinadas a afrontar os retos de futuro da nosa sanidade e que se se centran en:
- Adoptar un enfoque máis proactivo, incrementando a actividade que se realiza sen agardar á aparición dun problema de saúde: desde a vixilancia epidemiolóxica ata as accións de prevención como a vacinación, os cribados ou as actuacións de saúde comunitaria e dos Plans Locais de Saúde para favorecer estilos de vida saudables, mellorar o estado xeral de saúde e previr a aparición das enfermidades.
- Avanzar cara unha atención máis integrada e personalizada, adaptada á situación de Galicia de elevada presenza de pacientes crónicos e complexos. Avance na conexión entre os niveis asistenciais e o sociosanitario, posta en marcha de procesos asistenciais integrados, unidades multidisciplinares, reforzo da capilaridade territorial no rural, atención domiciliaria, monitorización a distancia e ampliación dos mecanismos de comunicación do paciente co sistema; así como nas tecnoloxías que faciliten a medicina de precisión e os tratamentos adaptados a cada paciente.
- Deseñar mecanismos de integración da innovación. O eido sanitario está a experimentar avances disruptivos que supoñen cambios radicais en curtos períodos de tempo e o sistema debe de ter ferramentas para incorporalos con axilidade, o que supón traballar nunha maior conexión entre a atención sanitaria e o ecosistema de I+D+i sanitario, na posta en marcha dunha oitava área sanitaria para o apoio tecnolóxico a distancia das sete áreas físicas, no desenvolvemento de mecanismos de compra pública innovadora para incorporar novos sistemas ou tecnoloxías; na xeneralización do diagnóstico xenético ou na integración de ferramentas de transformación dixital na relación cos usuarios e no apoio aos profesionais coa intelixencia artificial ou o big data.
- Incrementar a transparencia dos resultados do sistema sanitario. Proponse reforzar a capacidade de análise do Sergas cun departamento de información e análise dos resultados en saúde e potenciando os mecanismos de medición da experiencia dos pacientes; que permitan deseñar sistemas de indicadores baseados nos resultados en saúde e desenvolver mecanismos de avaliación máis completos como acordos de xestión plurianuais coas áreas sanitarias ou modelos de avaliación do desempeño para os profesionais; así como instrumentos de transparencia cara á cidadanía con información de calidade sobre actividade e desempeño dos recursos do sistema e sobre os datos de saúde da poboación galega.
- Dar maior transversalidade á saúde nas políticas públicas máis alá da consellería de Sanidade. Crearase unha Comisión Interdepartamental de Saúde para coordinar o impacto en saúde das distintas políticas da Xunta en materias como educación, economía ou transporte e reforzarase o enfoque de “Unha soa saúde” para dar coherencia ás políticas ambientais, de sanidade animal e de saúde pública.
A estratexia tamén contempla o impacto do cambio climático na saúde e inclúe actuacións de sostibilidade aliñadas coa recente Estratexia de Economía Circular.
Trala súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta, a Estratexia galega de saúde 2030 será remitida ao Parlamento de Galicia, onde será presentada aos grupos políticos polo conselleiro de Sanidade nunha comparecencia específica, e publicada, co seu texto definitivo, no Portal de transparencia e Goberno aberto.
Con este documento estratéxico, a Xunta establece o modelo no que se deberá basear a planificación política sanitaria no marco temporal dos próximos sete anos, tendo en conta a complexidade do contexto actual e as dificultades na planificación derivadas da presión asistencial e as novas necesidades dun perfil diferencial de doente e cidadán.