A Xunta asina a acta de replanteo das obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, que se iniciarán a finais de marzo cun investimento de preto de 52,6 M€ e xerarán preto de 1.000 empregos

A Xunta asinou hoxe a acta de replanteo das obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO), que se iniciarán a finais de marzo cun investimento de preto de 52,6 M€ e xerarán preto de 1.000 empregos

Sala de prensa Sergas (07/03/2022) A Xunta asina a acta de replanteo das obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, que se iniciarán a finais de marzo cun investimento de preto de 52,6 M€ e xerarán preto de 1.000 empregos.  Recuperado de: https://saladecomunicacion.sergas.gal/Paginas/ListaxeNovas.aspx?idioma=ga

A Xunta asinou hoxe a acta de replanteo das obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO), que se iniciarán a finais de marzo cun investimento de preto de 52,6 M€ e xerarán preto de 1.000 empregos

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, presidiron a sinatura do documento por parte da dirección da obra da Xunta e da empresa adxudicataria, a UTE formada por Copasa e o Grupo Puentes. 
A sinatura deste documento dá comezo a execución efectiva do contrato e permite avanzar na preparación dos traballos para iniciar este mesmo mes a construción dun novo edificio de hospitalización e para reformar o actual Hospital Materno Infantil, ao tempo que se melloran os accesos.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade indicou que o prazo das obras é de 40 meses, prazo que se tentará acurtar durante a execución dos traballos. Con todo, apuntou, o obxectivo da Xunta é ir acadando fitos: un primeiro, que a finais de 2023 poida estar rematado o novo edificio, para proceder ao traslado do Materno Infantil e poder iniciar a reforma integral do edificio actual.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade indicou que a ampliación do CHUO, coincidirá en paralelo con outras dúas reformas: a obra da UCI, cun investimento de 9 millóns; e o novo servizo de medicina nuclear, no que se avanzou a pasada semana no marco do Consello da Xunta. Este servizo conta cunha previsión de 5,5 millóns para as obras e o equipamento de alta tecnoloxía que consistirá en dúas novas gammacámaras e un equipo PET-TC de nova dotación.
Durante o acto tamén fixo alusión ao remate do Plan funcional para construír un edificio administrativo e un novo edificio ambulatorio, cos conseguintes axustes para proceder á licitación do seu proxecto arquitectónico. Con todo, García Comesaña incidiu no feito de que a renovación do CHUO vai máis alá da infraestrutura, afectando tamén á renovación do equipamento. Nesta liña, destacou a adquisición dunha nova resonancia magnética no 2020 e a posta en marcha do novo laboratorio, cun sistema de automatización intelixente. Tamén a incorporación, no 2021, de cinco equipos radiocirúrxicos por valor duns 600.000 euros. Este hospital conta con un dos sete novos equipos DaVinci de cirurxía robótica que se incorporaron á sanidade pública galega e que fixeron posible realizar coa máxima precisión intervencións de uroloxía, cirurxía xeral e dixestiva ou xinecoloxía.
O investimento de máis de 90 millóns de euros dos Orzamentos da Xunta para 2022 en tecnoloxía sanitaria posibilitará, entre outras cousas, renovar dous aceleradores lineais do servizo de radioterapia e catro equipos TAC; renovar o equipo de anxiografía vascular e engadirlle un novo equipo de anxiografía neurorradiolóxica; así como incorporar oito novos ecógrafos para o servizo de radiodiagnóstico e un para o servizo de urxencias.
As obras de ampliación do CHOU
Segundo detallou Ethel Vázquez, as obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense consistirán na construción dun novo edificio de hospitalización e na reforma do actual Hospital Materno Infantil, ao tempo que se melloran os accesos.
En total, vaise actuar sobre 33.000 m², dos cales máis de 19.000 serán de reforma e preto de  14.000 m² de nova construción, incrementando a superficie construída do hospital nun 11% ata superar os 136.000 m².

O novo edificio de hospitalización terá 12 plantas e disporase entre o oeste do antigo edificio Materno Infantil e o Hospital Cristal.

No Hospital Materno Infantil levarase a cabo unha reforma integral, para a súa posta en valor e mellora da funcionalidade, conservándose só a súa estrutura.

Unha vez realizadas estas actuacións permitirán poñer á disposición dos veciños de Ourense unha área pediátrica con 38 camas; área de neonatoloxía, con UCI pediátrica; e zona de urxencias pediátricas e de urxencias obstétricas, entre outras. Ademais, tamén se dotará o complexo de área de radioloxía, de diálise, hospitalización obstétrica, con 56 camas, e hospitalización convencional, con 280 camas.
Aposta pola sanidade pública
A titular de Infraestruturas e Mobilidade salientou que estas actuacións forman parte do ambicioso proxecto de futuro para a sanidade pública de Ourense que presentou o presidente da Xunta hai uns meses, e que prevé investimentos de 120 M€, tanto no eido hospitalario como na atención primaria.

Fixo fincapé en que a Xunta está a acometer o maior proceso de reforzo e renovación das infraestruturas sanitarias feito en Galicia, a través da Consellería de Sanidade, como impulsora, e da Consellería de Infraestruturas, como executora das actuacións.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade aproveitou para trasladar o seu agradecemento á Axencia Galega de Infraestruturas e poñer en valor a súa colaboración no desenvolvemento de proxectos de gran envergadura tanto en hospitais (Ferrol, Pontevedra ou A Coruña), como en centros de saúde (o CIS Olimpia Valencia de Vigo e centros de saúde da Rúa ou Vilagarcía).

Nestes momentos está en plena execución a ampliación e reforma do Hospital Público de Ferrol e na pasada primavera iniciáronse as obras da 1ª fase de ampliación do Hospital Público Gran Montecelo de Pontevedra. Tamén está en execución a Fase 0 do Novo Hospital Público da Coruña, que estará finalizada no verán cun investimento de 13 M€, enmarcada no proceso de construción do Novo CHUAC; e impúlsase, ademais, o proxecto para reforzar o Hospital Público de Santiago.
Ademais de pequenos centros de saúde nas catro provincias, tamén se está a avanzar na construción de Centros Integrais de Saúde, como os que se están a executar no Barrio da Residencia de Lugo ou en Lalín; e os que se impulsan en Vigo e en Ourense.
A estas actuacións súmanse as de mellora da seguridade e da accesibilidade que está a realizar a Xunta nas contornas dos centros hospitalarios, como as que se van realizar no Complexo Hospitalario de Ourense e noutros hospitais públicos da provincia, cun investimento de 455.000 €. Neste momento o departamento de Infraestruturas está a coordinar as obras coas xerencias para minimizar as interferencias coa actividade sanitaria, para poder comezar os traballos canto antes, xa nesta primavera.

Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.