"A Enfermería tamén xoga un papel clave no coidado da nosa espiritualidade"

 

Colexio enfermeria ourense carlos arce castro

O sacerdote Carlos Arce Castro, nun dos espazos do Seminario Menor de Ourense | FONTE: Colexio Oficial de Enfermería de Ourense

Ourense, martes 24 de maio de 2022.- Carlos Arce Castro ordenouse sacerdote no 2018 e aínda que a vocación relixiosa chegou primeiro, poucos anos despois decidiría apostar tamén por outra disciplina pola que sentía un grande interese: a Enfermería. Desde 2021, coincidindo co arranque do curso académico universitario, Carlos compaxina o sacerdocio cos estudos de Enfermería na Escola de Enfermería de Ourense e coa súa labor docente no Seminario Menor -ademais de mestre de Relixión Católica é titor do grupo de 4º da ESO e director da residencia de estudantes do centro-.

Precisamente neste centro manteñen unha clara aposta pola educación do alumnado, no só a nivel puramente docente, senón tamén en relación a todos aqueles contidos vencellados á promoción da saúde. Un dos seus lemas é “Educar é ensinar a vivir”: “Desde fai anos somos conscientes da importancia do coidado físico, de todo o que ten que ver coa saúde e coa nosa estabilidade emocional. Construímos unha horta de máis de 1.000 metros cadrados para dotar aos rapaces de alimentos de proximidade; temos enfermería, porque para nós a educación aos nenos vai máis alá da parte académica, non podemos seguir cun modelo que únicamente pretende que os rapaces acumulen datos na cabeza, para nós é prioritario darlle importancia ao coidado das persoas”, explica Lois Babarro, director técnico do Seminario Menor. “Desta forma, non só promovemos hábitos de vida saúdables nos mozos, senón que se convirten en prescriptores destas prácticas coas súas familias”.

“A nosa visión -continúa Babarro- é dunha formación holística. Esta é a razón pola que apostamos porque o equipo docente se forme en estos ámbitos e que Carlos estea estudando Enfermería para nós é moi positivo, porque teremos esa rama cuberta no centro educativo”.

En que momento te comezaches a interesar pola Enfermería?

Xa no bacharelato me gustaba a rama das ciencias e ademais tiven contacto co ámbito sanitario na miña familia, pois meu padriño e meu tío son médicos, o que fixo que me interesase pola rama sanitaria, concretamente pola Enfermería. Ademais de ser un complemento á miña vocación como sacerdote, parecíame importante contar tamén con formación enfermeira para poder aportalle ao centro, a os rapaces, todo o que esta disciplina implica.

Primeiro seguiches a vocación relixiosa. Cal dirías que é o vínculo, ou vínculos, que existen entre Enfermería e relixión?

Parécenme dúas ramas que están unidas e que se complementan. A nosa propia visión como sacerdotes xa implica un coidado e unha entrega cara os demais; a Enfermería fai iso pero desde o campo da saúde, tanto física como emocional. 

Como dicías, o teu interese polo mundo sanitario xorde xa no seo familiar. Supuxo o sacerdocio un impulso para vincularte á Enfermería?

Non sei se serviu como impulso, pero foi algo que sempre estivo aí. A través da diferentes materias que cursei neste primeiro ano reafirmeime na vocación relixiosa, pois eses estudos foron unha forma de descubrir a Deus a través da creación e de todos aqueles aspectos biolóxicos que nos fan seres humanos.

Relixión e coidar son dous termos historicamente indisociables. A Enfermería, como a relixión católica, evolucionou considerablemente ao longo dos anos. Como cres que inflúe actualmente o catolicismo na disciplina enfermeira?

Nos coidados enfermeiros hai unha parte moi importate que é a vertente espiritual, todos os seres humanos temos esa necesidade. Podemos satisfacela desde o cristianismo ou desde outras relixións, pero a Enfermería tamén xoga un papel clave no coidado da nosa espiritualidade.

Á hora de aportar uns coidados enfermeiros, creo que a formación relixiosa é un bo complemento, non só a nivel asistencial, senón tamén educativo.

Carlos Arce Castro

Carlos Arce Castro, no Seminario Menor | FONTE: Colexio Oficial de Enfermería de Ourense

Apenas levas un ano cursando Enfermería pero, visualizas a importancia desta formación no ámbito educativo?

Si. Considero que a Enfermería é moi necesaria no entorno educativo, polo coidado dos rapaces e polos coñecementos que lles podemos inculcar. No Seminario Menor procuramos darlles unha formación integral, de feito aplicamos o sistema EBI, de educación personalizada, onde perfectamente encaixan os contidos da rama da Enfermería e da saúde en xeral. Todo o coñecemento que lle poida aportar aos rapaces, non só a nivel docente senón tamén como enfermeiro, benvido sexa.

Cal é o lugar que ocupan a prevención e a promoción da saúde dentro do Seminario Menor?

Son fundamentales Aquí temos rapaces as 24 horas do día, entón estamos en contacto con todos os aspectos da súa vida. Desta forma, é para nós moito máis manexable impartir coñecementos en prevención e promoción en hábitos de vida saúdable que nun centro ao que só asisten a metade do día. 

Os rapaces saben que estudas Enfermería?

Si, e compartimos momentos de estudo, claro: eles estudando as materias da súa formación e eu, da miña.

Hai algún que se interese pola Enfermería?

Interés non sei, pero si bastante curiosidade. Achéganse a ver os apuntes e, ao saber que estudo Enfermería, hai moitos que por calquera problema de saúde que lles poida xurdir veñen a preguntarme, como se eu tivera xa todos os coñecementos! [risas]

A túa intención é continuar con formación para poder aplicala a nivel docente?

Agora estou con Enfermería, no futuro non sei. O que teño claro é que a miña labor está aquí no Seminario e a formación que poida vir intentarei que teña unha repercusión no ámbito escolar.


Imprimir