O Colexio Oficial de Enfermería de Ourense pide respeto e comprensión cara o colectivo dos profesionais sanitarios ante o sinalamento polas actividades realizadas alleas ao ámbito profesional

  • ​​As reunións de sanitarios que se están a sinalar estes días están comprendidas nos protocolos de actuación fixados polas diferentes administracións
  • É preciso recordar que, se neste momento, os cidadáns e cidadás teñen a posibilidade e liberdade de reunirse cos seus compañeiros e compañeiras é grazas á labor enfermeira, que logrou o fito de inmunizar ao 80% da poboación do noso país nun tempo récord
  • Cando desenvolven as súa labor profesional son obxecto de aplausos e elevados á figura de heroes, mais cando semellan comportarse como persoas cunha vida propia son criminalizados e esíxeselles, ademais de loitar contra este virus, ser un modelo de conduta

Ourense, venres 17 de decembro de 2021.- Despois de que nas últimas semanas se estea a poñer o foco nos gromos detectados presuntamente en celebracións pertencentes ao ámbito da vida privada nos que participan profesionais sanitarios, desde a Organización Colexial de Enfermería de Ourense esiximos respeto para os nosos traballadores e traballadoras. Tamén queremos expresar o noso apoio e solidaridade cos compañeiros e compañeiras que son obxecto de sinalamentos inxustificados.

Entendemos como unha inxustiza que desde fai uns días se lle dea máis visibilidade aos gromos que se están a dar entre profesionais sanitarios, cando outros tantos orixinados en contornas domésticas e no ámbito privado doutros colectivos non reclaman a mesma atención mediática. ​​As reunións de sanitarios que se están a sinalar estes días están comprendidas nos protocolos de actuación fixados polas diferentes administracións. En calqueira caso, se as autoridades sanitarias non están de acordo coa celebración deste tipo de reunións, o que se debe facer é cambiar a normativa vixente para o conxunto da poboación.

Separar a persoa do profesional

A labor das enfermeiras, e de todos os profesionais que forman o sistema sanitario, é certamente coidar dos homes e mulleres, nenos e nenas, avós e avoas, que forman o conxunto da nosa sociedade, uns coidados que se viron intensificados tras a irrupción da pandemia da covid-19 o pasado mes de marzo de 2020.

Do mesmo xeito, semella preciso lembrar que unha vez remata a súa extenuante xornada laboral, detrás de cada enfermeira, debaixo de cada EPI, en cada facultativo, administrativo, celador ou auxiliar, hai unha persoa con unha familia e uns amigos. Os sanitarios teñen dereito a estar cos seus seres queridos como o resto da poboación, sen que a natureza da súa profesión sexa un impedimento ou obxecto de críticas.

Desde fai case dous anos os enfermeiros e enfermeiras levan a cabo os coidados dos seus pacientes en situacións que nalgún caso puxeron en perigo as súas propias vidas. Non quedan tan lonxe aqueles días nos que o descoñecíamos todo sobre o virus e estas profesionais estaban totalmente expostas porque así se lles esixía, aínda cando a súa saúde estaba comprometida polo déficit das garantías necesarias no equipamento e materiais que supostamente debían protexelas.

Na Área Sanitaria de Ourense estamos xa na sexta onda, que é considerablemente menos mortífera grazas ao traballo dos traballadores sanitarios, ás probas diagnósticas que levan a cabo as enfermeiras os 7 días da semana, ás profesionais que están de luns a domingo, en turno de mañá e tarde, vacinando nos vacunómetros e nos centros hospitalarios aos nosos maiores, aos nenos e nenas ou aos colectivos esenciais para que a sociedade non se deteña.

É preciso recordar que, se neste momento, os cidadáns e cidadás teñen a posibilidade e liberdade de reunirse cos seus compañeiros e compañeiras é grazas á labor enfermeira, que conseguiu o fito de inmunizar ao 80% da poboación do noso país nun tempo récord.

Porén, despois de exposto, desde esta organización colexial consideramos que mentres non haxa un incumprimento por parte dos nosos traballadores e traballadoras dos protocolos fixados en materia de sanidade, teñen o mesmo dereito que o resto da poboación á desfrutar do seu tempo libre do xeito que consideren axeitado. Non se pode tolerar que cando desenvolven as súa labor profesional sexan obxecto de aplausos e elevados á figura de heroes, mais cando semellan comportarse como persoas cunha vida propia son criminalizados e esíxeselles, ademais de loitar contra este virus, ser un modelo de conduta.

A sociedade precisa asimilar que aínda que temos importantes certezas sobre este virus, aínda son moitas as incógnitas que nos impiden acabar con el definitivamente. Ata entón, debemos acostumbrarnos a vivir co virus e respetando sempre os protocolos de actuación fronte a covid-19 que nos marcan as autoridades sanitarias. Coidemos aos traballadores sanitarios con contratos e salarios dignos, con hospitais adaptados aos novos retos sanitarios, con infraestruturas e entornos laborais óptimos e, sobre todo, con respeto. Esta é a fórmula para que as enfermeiras que estiveron e están para coidarnos, o sigan facendo coa mesma ilusión, profesionalidade e respeto no futuro.

Coidémonos!


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.