Científicas do IIS Galicia Sur desenvolven actividades en centros educativos para visibilizar o papel das mulleres na investigación e a ciencia

​Investigadoras e científicas do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur están a desenvolver esta semana diferentes actividades en once escolas e centros de ensino da provincia de Pontevedra, co fin de divulgar e sensibilizar ás nenas e nenos sobre o traballo das mulleres que se dedican profesionalmente ás áreas científicas, e axudar a crear referentes femininos para a infancia e a mocidade que poidan contribuír á elección destas áreas como futuras carreiras profesionais.


​Sala de prensa Sergas (07/02/2023) Fotografía: Sala de prensa Sergas

Investigadoras e científicas do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur están a desenvolver esta semana diferentes actividades en once escolas e centros de ensino da provincia de Pontevedra, co fin de divulgar e sensibilizar ás nenas e nenos sobre o traballo das mulleres que se dedican profesionalmente ás áreas científicas, e axudar a crear referentes femininos para a infancia e a mocidade que poidan contribuír á elección destas áreas como futuras carreiras profesionais.

Así, estas actividades consisten en charlas formativas e mesmo xogos e pequenas experiencias científicas que abranguen, dende facer patente o extenso labor científico e de investigación de mulleres ao longo da historia, ata compartir a súa experiencia vocacional persoal, pasando por explicar como funciona un centro de investigación e en que consiste o traballo dunha científica.

Esta iniciativa, na que está prevista que participen un milleiro de nenas e nenos en idade escolar, enmárcase dentro da celebración, o 11 de febreiro próximo, do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, establecido dende 2015 pola UNESCO co fin de promover o acceso das mulleres e as nenas á educación, a capacitación e a investigación nos ámbitos da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñeira e as matemáticas, o que se coñece como áreas STEM.
Visibilidade e igualdade de xénero

Dar unha visión xeral da situación das mulleres e as nenas na ciencia e un labor que implica un esforzo especial, dado que existen diferentes factores que a mitigan e que van, dende a percepción que teñen as nenas da ciencia, ata a falta de referentes de investigadoras no imaxinario colectivo (a excepción do tópico de Marie Curie), ou as dificultades que poden atopar as mulleres para poder progresar na contorna laboral científica.

Neste sentido, esta iniciativa voluntaria por parte de científicas do IIS Galicia Sur supón, ademais do seu compromiso persoal nesta tarefa, unha acción conforme á liña estratéxica do IIS Galicia Sur coa igualdade de xénero, tal e  como o reflicte no seu Plan Estratéxico 2022-2026 e no seu Plan de Igualdade da Fundación Biomédica Galicia Sur –aprobado o pasado mes de novembro- en relación ao compromiso de facer visible o papel das mulleres na investigación e fomentar a igualdade de trato e oportunidades.
No momento actual, dos 845 investigadores do IIS Galicia Sur, o 60% son mulleres e o 40% homes.
Este Plan tamén inclúe un Protocolo de Actuación e Prevención do Acoso Sexual Laboral por Razón de Sexo, Orientación Sexual, Identidade e/ou Expresión de Xénero, co que o IIS Galicia Sur manifesta “a súa tolerancia cero ante a concorrencia en toda a súa organización de condutas constitutivas de acoso sexual, laboral, por razón de sexo, orientación sexual, identidade e/ou expresión de xénero e manifesta e fai pública a súa vontade expresa de adoptar unha actitude pro activa, tanto na prevención do acoso – sensibilización e información de comportamentos non tolerados pola empresa-, como na difusión de boas prácticas e implantación de cantas medidas sexan necesarias para xestionar as queixas e denuncias que a este respecto pódanse expor, así como para resolver segundo proceda en cada caso”.
Futuro incerto

O desenvolvemento deste tipo de iniciativas é fundamental, tendo en conta que, a pesar dos esforzos institucionais realizados a nivel internacional (políticas estatais en diferentes países, UNESCO, etcétera...), o número de mulleres que se matriculan en carreiras STEM ou relacionadas coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) non superan o 30% e, incluso, existen países nos que están a descender.

Esta circunstancia levará non só a non conseguir a ansiada paridade, senón á perda de posibilidades de acceso ao mercado laboral para as mulleres e, consecuentemente, aos postos directivos e de liderado, máxime se temos en conta que, tal e como apunta a ONU, no 2050 o 75% dos traballos estarán relacionados coas áreas STEM, nas que as mulleres hoxe en día non chegan a cubrir máis do 25%.

Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.