Galicia, pionera nun ensaio clínico sobre a eficacia da vacina de alta carga da gripe

Máis de 450.000 galegos e galegas de entre 65 e 79 anos serán invitados a participar nun estudo sobre a vacina da gripe que vai desenvolver a Consellería de Sanidade e investigadores do Grupo de Xenética, Vacinas e enfermidades infecciosas (GENVIP) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).


Sala de prensa Sergas (17/10/2023) Fotografía: Sala de prensa Sergas

 Máis de 450.000 galegos e galegas de entre 65 e 79 anos serán invitados a participar nun estudo sobre a vacina da gripe que vai desenvolver a Consellería de Sanidade e investigadores do Grupo de Xenética, Vacinas e enfermidades infecciosas (GENVIP) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). O ensaio GALFLU (www.galflu.gal), un dos de maior dimensión realizado en España con vacinas, quere comprobar se a versión da vacina de alta carga da gripe (a que xa se está a empregar en maiores de 80 anos porque se comprobou que é máis eficaz nesa franxa de idade) é igualmente beneficiosa nas persoas de entre 65 e 79 anos.

Tal e como detallou durante a presentación a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, xunto a Federico Martinón, promotor e investigador principal do ensaio, convidarase a participar voluntariamente a toda a poboación galega que teña entre 65 e 79 anos e que acuda a recibir a vacina fronte a gripe como parte da campaña de vacinación anual aos grandes recintos de vacinación situados en todas as áreas sanitarias de Galicia. 

A invitación a participar no estudo enviarase a través dun SMS no que se cita a persoa para a vacinación fronte a gripe e a COVID-19. No mesmo infórmase da existencia do ensaio clínico e da posibilidade de participar. Por tanto a administración das vacinas do ensaio clínico será nos grandes puntos de vacinación que pon ao dispor a Consellería de Sanidade para a campaña de vacinación fronte a gripe e a COVID-19 a partir do día 26. Existirán filas diferenciadas e persoal específico informando, sendo necesario o consentimento informado da persoa participante.

Así, “de demostrarse a hipótese de partida, os galegos desta franxa de idade serán os primeiros en poder beneficiarse desta vacina de alta carga”, segundo subliñou Federico Martinón, promotor e investigador principal do ensaio, na presentación do estudio esta mañá nos laboratorios do IDIS. 

Existen diferentes tipos de vacinas fronte á gripe, e na campaña de vacinación antigripal desta tempada vanse utilizar 2 diferentes: unha de alta dose (Efluelda®) e outra de dose estándar (Influvac Tetra®). Diferéncianse na cantidade de antíxenos que inclúen, é dicir os compostos capaces de xerar protección no organismo.

A vacina de alta dose demostrou ser máis eficaz na prevención da gripe e as súas complicacións nas persoas maiores de 80 anos polo que se administra de maneira habitual neste grupo de idade. Neste estudo o que se pretende valorar é se a vacina de alta dose é máis efectiva que a vacina de dose estándar en reducir os casos de gripe, hospitalizacións e complicacións asociadas nas persoas de 65 a 79 anos nas cales de maneira rutineira administraríase a vacina fronte á gripe de dose estándar. 

Por tanto, no estudo administraranse os 2 tipos de vacina fronte á gripe, a de alta dose e a de dose estándar. Ambas vacinas están comercializadas e xa se administraron a millóns de persoas. Cada persoa participante ten un 50% de posibilidades de recibir unha vacina ou outra. 

Para participar no estudo é necesario ler de forma detallada a folla de información ao paciente e resolver todas as posibles dúbidas. Finalmente, no punto de vacinación, solicitaráselle ao participante que asine o documento de consentimento informado para participar no mesmo. Como con todas as demais vacinas verificarase que non existan contraindicacións para recibir a vacina da gripe.

O estudo non implica acudir a ningún seguimento clínico, xa que se obterá a información necesaria da historia clínica de cada paciente para realizar o seguimento de eficacia e seguridade, polo que non se contactará de novo co paciente. O seguimento durará ata o mes de maio posterior á campaña de vacinación. Só o equipo investigador que participa no estudo poderá acceder á historia clínica, mantendo sempre a confidencialidade.

A gripe é unha infección respiratoria de orixe vírico que produce epidemias anuais a nivel mundial. Aínda que poida afectar a calquera persoa, aquelas de 65 anos ou máis son especialmente vulnerables e presentan un maior risco de sufrir hospitalizacións e complicacións. 


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.