A metade da poboación galega ten sobrepeso ou obesidade e a ASF súmase ó Plan Obesidade Zero

O 39% da poboación galega ten sobrepeso, unhas 849.000 persoas adultas; e o 16,5% ten obesidade, ó redor de 357.000 galegos e galegas. Uns 6 de cada 10 galegos non realizan exercicio físico; e o 41,3% da poboación galega é sedentaria. 


Sala de prensa Sergas (18/12/2023) Fotografía: Sala de prensa Sergas


O 39% da poboación galega ten sobrepeso, unhas 849.000 persoas adultas; e o 16,5% ten obesidade, ó redor de 357.000 galegos e galegas. Uns 6 de cada 10 galegos non realizan exercicio físico; e o 41,3% da poboación galega é sedentaria. Estas cifras dan conta de que a metade da poboación galega ten algún problema de obesidade ou de sobrepeso coa incidencia que esta patoloxía ten na saúde, xa que "son factores de risco para enfermidades crónicas e algúns tipos de cancro". Estes e outros datos reflíctense na exposición sobre o Plan galego de Obesidade Zero que se pode ver dende esta semana na entrada principal do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e que procura unha “poboación galega sa”.

Dende a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade estase a desenvolver este Plan Obesidade Zero en Galicia, dentro do marco de actuación dos determinantes sociais e a equidade cun enfoque de saúde en todas as políticas. Este Plan é o resultado do consenso, a consulta e a participación dos distintos sectores sociais para a prevención do sobrepeso e a obesidade na poboación galega, e terá un prazo de execución que vai dende o pasado ano 2022 ó ano 2030.

Esta mostra ten o obxectivo de dar a coñecer a situación de punto de partida e implicar á poboación cunha destas medidas de comunicación e difusión necesarias para que unha campaña de prevención chegue á cidadanía, dado que é preciso que toda a sociedade participe e se involucre nel, indican dende o departamento sanitario da Xunta de Galicia. De feito, a primeira acción desta estratexia foi a presentación do Plan á cidadanía en xeral, a través dos medios de comunicación no mes de maio de 2022. 
Con motivo de reforzar este coñecemento, e para que esta información poda ser exposta en varios centros sanitarios e administrativos da Xunta de Galicia e así achegarse a máis poboación, creouse esta exposición itinerante formada por 4 carteis informativos, que hoxe se pode ver no Complexo Hospitalario ferrolán. Trátase por tanto, explican dende Saúde Pública, de dar a coñecer o Plan Obesidade Zero en Galicia ós potenciais actores involucrados e ós principais beneficiarios, reforzando a presentación do Plan por parte desta Dirección Xeral nas distintas localidades galegas.
 
Reducir nun 15% a prevaleza do sobrepeso en Galicia 

Este obxectivo concrétase na exposición cunha meta, que é a de reducir con distintas medidas a prevaleza do sobrepeso en Galicia progresivamente, un 5% no 2025, e ata un 15% no 2030. Este plan ten tres eixos, con 11 obxectivos e 41 accións para chegar a esa meta. O primeiro dos eixos é potenciar as contornas promotoras da saúde impulsando políticas favorables, como o propio plan; avanzar no ámbito escolar na liña de redes promotoras de saúde; promover hábitos de vida saudables no ámbito laboral; e impulsar tamén a promoción da saúde no ámbito sanitario e sociosanitario.

 O segundo dos eixos é capacitar na toma de decisión máis saudables, e isto é, explican, favorecer a adquisición de habilidades na cidadanía; capacitar no ámbito sanitario e educativo; e formar a outros colectivos profesionais relacionados: O terceiro e último dos eixos é investigar e innovar na promoción de saúde, desenvolvendo a rede de investigación en promoción da saúde, innovando continuamente e desenvolvendo un sistema de vixilancia para o sobrepeso, a obesidade e os seus factores de risco. Estas cuestións xa se materializan na Área Sanitaria de Ferrol nalgunhas das charlas que se realizaban o pasado mes sobre cuestións relativas á nutrición, entre outras moitas cosas. 

Por último, destacar tamén os catro factores protectores do sobrepeso e a obesidade ó que lle dedican especialmente un dos paneis desta exposición: manterse activo por múltiples vías, entre elas o exercicio físico; manter a rutina do sono; comer ben para vivir mellor; e coidar o estado de ánimo. 

Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.